A Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, vén de adxudicar o servizo de transporte sanitario urxente terrestre na área de Vigo á empresa UTE Emergencias Sanitarias-Saluser 2024. O novo contrato fixa a entrada en vigor para a prestación do servizo o 1 de xuño.
A adxudicación, que se tramitou polo procedemento de emerxencia, será polo prazo necesario para que a Consellería de Sanidade, a través do 061 Galicia, licite un novo contrato por procedemento aberto e establece unha duración estimada do contrato de seis meses, coa posibilidade de prórroga por un máximo doutros tres.
Servizo esencial para a poboación
Deste xeito, “garántese” a prestación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre na área de Vigo, que comprende os concellos de Vigo, Cangas do Morrazo e Moaña, un “servizo esencial para a poboación que debe seguir prestándose”, logo da comunicación da actual empresa da imposibilidade de continuar coas súa prestación.
O importe da adxudicación ascende a 2.901.947€, IVE exento. Está prevista a posible prórroga, por un período de tres meses, cun importe de 1.380.169,82€.
“A Consellería de Sanidade trata de axilizar a contratación deste servizo esencial coa maior brevidade, para seguir a cumprir co seu compromiso coa eficacia, a eficiencia e a calidade desta actividade sanitaria asistencial para a poboación”, sinalan en unha nota.