Comarcas

O Goberno do Estado destina 6,6 millóns para ampliar a cobertura móbil 5G a 80 concellos e aldeas da provincia

E garantir Internet de alta velocidade por fibro ou por satélite

O Goberno do Estado destina 6,6 millóns para ampliar a cobertura móbil 5G a 80 concellos e aldeas da provincia

O  subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, avanzou que o Goberno do Estado vai investir 6,6 millóns de euros na provincia para levar a cobertura móbil 5G a concellos de menos de 10.000 habitantes.

Fíxoo tras coñecer a resolución provisional destas axudas, enmarcadas no Programa UNICO Redes Activas do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Esta liña de axudas mobiliza 508 millóns de euros en todo o país para levar a infraestrutura necesaria que dote de cobertura 5G a máis de 1,8 millóns de habitantes de municipios pequenos, ademais de dotar de cobertura a 30.000 quilómetros da rede de estradas.

80 vilas e aldeas

“No caso de Pontevedra, vai permitir levar o 5G por 80 vilas e aldeas que na actualidade non dispoñen de cobertura móbil 4G de polo menos 50 Mbps e non estaba previsto que esta chegase nos próximos tres anos, xa que non son áreas economicamente rendibles para a iniciativa privada”, destacou o subdelegado. En total, darase cobertura 5G a 23.000 habitantes e a máis de 407 quilómetros de estradas.

Abel Losada destacou o esforzo do Goberno por liderar a modernización tecnolóxica das comunicacións e lembrou que España lidera o despregue de fibra óptica en Europa, co obxectivo de garantir que ao remate de 2025 todo o territorio conte con conexión a Internet de alta velocidade, ben por fibra ou por satélite e que será tamén nesa data cando a cobertura 5G será accesible para toda a poboación. “É un esforzo sen precedentes que cómpre poñer en valor, porque ás veces escóitanse máis as queixas dos poucos sitios que van quedando, algúns dos cales van ter que ser cubertos vía satélite, que as voces das amplas zonas do territorio que xa teñen fibra”.

As actuacións para o avance do 5G, financiadas con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, foron adxudicadas na provincia ás empresas Orange e Telefónica.

Trátase de programa é pioneiro en Europa ao destinar fondos europeos a financiar equipamentos activos que amplíen o despregamento territorial do 5G con funcionalidade plena en municipios pequenos.

También te puede interesar