Destacados Vigo al minuto

Presentan unha proposta para que o Concello de Vigo mobilice 25 millóns de remanentes para vivenda pública

Fronte aos 150.000€ anunciados polo alcalde

Presentan unha roposta para que o Concello de Vigo mobilice 25 millóns de remanentes para vivenda pública

O Bloque Nacionalista Galego propón mobilizar 25 millóns de euros dos remanentes municipais para a posta en marcha dun parque público de vivenda a prezos accesíbeis en Vigo. Así o vai demandar o portavoz municipal do BNG de Vigo na sesión da Xerencia de Urbanismo prevista para este martes en resposta ao “anuncio propagandístico” do alcalde dun programa de axudas para rehabilitación de vivendas destinadas ao alugueiro.

“Menos recursos dos que Caballero destina a subvencionar á Igrexa Católica”

Xabier P. Igrexas cualificou esta medida de “impostura” diante da pretensión do Goberno municipal de destinar a este futuro programa apenas 150.000€ para toda a cidade, importe que non está consignado nos orzamentos municipais deste 2024. “Falamos de menos recursos dos que Abel Caballero vai dedicar este ano a subvencións á Igrexa Católica para actuacións sobre o patrimonio relixioso”.

O portavoz nacionalista saudou o cambio de opinión do alcalde, que pasou do “negacionismo” do grave problema da vivenda en Vigo repetindo que non era competencia municipal, a anunciar este presunto programa. “É claro que a Caballero preocúpalle moito máis o estado das casas do Señor que os moitos millares de viguesas e vigueses que non se poden permitir o luxo de habitar a súa propia cidade”, ironizou.

Executar os acordos da moción do BNG

Dende o BNG chamaron o Goberno local a “deixar os xestos baleiros e brindes ao sol agora que repararon en que o Concello pode actuar” en materia de vivenda. Nese sentido, reclamaron que se executen os acordos da moción do BNG aprobada polo Pleno en marzo, entre eles constituír unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, destinando 25 dos 200 millóns dos remanentes municipais, como primeiro paso para dotar Vigo dun parque público con prezos accesíbeis.

Vigo ten os recursos económicos

“Hai recursos económicos, e é unha medida perfectamente legal que só precisa de vontade política”, defendeu Igrexas, quen considerou urxente unha enérxica intervención pública fronte a uns alugueiros que marcan máximos históricos de prezos, cun encarecemento de máis do 50% nos últimos dez anos e con habitacións compartidas que superan xa os 300€ mensuais.

También te puede interesar