A Xunta, a través da empresa pública Sogama, licitou esta semana por un importe de 1.992.841€ (IVE incluído), as obras de mellora e adaptación da súa planta de transferencia de residuos de Vigo, localizada en Guixar, para que poida recibir a fracción orgánica recollida de forma diferenciada mediante o contedor marrón.
Transformar biorresiduos en compost
A tal fin, os traballos licitados prevén a construción dunha tolva para a transferencia dos chamados biorresiduos así como a substitución da envolvente do conxunto. Neste caso, substituiranse todas as chapas do cerramento da nave co fin de aumentar o nivel de illamento acústico derivado da propia actividade da instalación, coa particularidade de que tamén se actualizará o deseño para unha mellor integración na contorna.
Unha vez concluída a obra, a instalación pasará a formar parte da rede pública de infraestruturas para a valorización da materia orgánica. Neste sentido, o obxectivo desta iniciativa é axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a cumprir a lexislación vixente e facilitar así a conversión dos biorresiduos de orixe doméstica en compost, un abono natural de alta calidade para utilizalo no ámbito da agricultura e da xardinería.
En concreto, a de Vigo será unha das 13 plantas de transferencia integradas nesta rede (xunto coas de A Lama, Arbo, Cee, Curtis, Lugo, Narón, Ponteceso, Riotorto, Silleda, San Cibrao das Viñas, O Porriño e A Rúa) que servirán de apoio ás 4 infraestruturas de biorresiduos provinciais (localizadas en Cervo, no caso de Lugo; Cerceda, na Coruña; Verín, en Ourense; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra).
Preto de 10.500 toneladas anuais
Unha vez renovadas, as instalacións de Guixar contarán con capacidade para transvasar 10.480 toneladas anuais de materia orgánica recollida de forma diferenciada na cidade mediante o contedor marrón para transportalo, posteriormente, á planta de biorresiduos máis próxima, onde recibirá tratamento.
O prazo para a execución dos traballos será dun máximo de 28 semanas (7 meses) e dun mínimo de 24 (medio ano), contadas a partir da data da firma da acta de inicio de obras.
Aforro de custos
Tomando como referencia o principio de proximidade, o obxectivo da rede de infraestruturas para a xestión e tratamento da fracción orgánica do lixo doméstico é propiciar que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos a Sogama — que aglutinan a máis de 2,2 millóns de habitantes— dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, permitíndolles desta forma aforrar custos, tanto ambientais como económicos.