Esta semana O Porriño inza as rúas de ciencia. Chega a I Mostra de ciencia na rúa/openscience ‘ACIENCIACERTA’, organizada polo Concello do Porriño co patrocinio de Zendal , tomará a vila os días o xoves 6, venres 7 e sábado 8 de xuño.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo director da feira, Juancho Castaño, e a directora de comunicación de ZENDAL, Beatriz Díaz, presentaron o evento que pretende achegar a ciencia á veciñanza do Porriño.
Unha vila con grandes empresas relacionadas co ámbito científico
Tal e como relatou Castaño, existen varios proxectos, iniciativas e experiencias de feiras científicas (openscience) en Galicia “pero ningunha delas coas dimensións nin a proxección pública que se quere alcanzar con esta mostra ao contar cunha localización como a nosa vila” .
E é que O Porriño conta cun importante número de empresas relacionadas co ámbito científico ou científico/tecnolóxico nos seus polígonos industriais. “Esta é unha fortaleza moi importante, pois é un concello pioneiro na implantación de empresas con alto valor engadido e I+D+i, especialmente no sector farmacéutico ou da automoción pero tamén na alimentación, mecanización e outros sectores estratéxicos para a economía”, explicou Juancho, “E esta feira pretende establecer esa ponte entre toda esta industria e a cidadanía, especialmente entre a cativada”.
Máis científicos
Así, entre os principais obxectivos desta feira está o de aumentar as vocacións científicas e espertar o gusto pola ciencia entre pequenos e maiores. Todo isto dunha maneira lúdica e asequible para os nenos e nenas. Tamén establecer pontes entre docentes, institucións científicas e a sociedade dun xeito diferente para compartir coñecementos e ideas.
Investigadores e investigadoras
ACIENCIACERTA contará con persoeiros de relevancia no eido científico como a Catedrática de Física Aplicada da Universidade de Vigo, Verónica Salgueiriño Maceira que será a I Madriña de ACIENCIACERTA e a encargada de ler o Pregón. Verónica, veciá de Pontellas, é investigadora en materiais magnéticos con aplicación en biodispositivos como nanorobots no CINBIO.
Tamén Concha Monje Micharet, catedrática da Universidade Cartos III de Madrid, investigadora de Robótica Branda e Control de Sistemas no Grupo de Investigación “RoboticsLab”. Estarán Roberto Iglesias Rodríguez, profesor da USC en intelixencia artificial e coordinador do Grao de Investigador do CiTIUS. e Laura Filloy, xornalista científica de Gciencia Para facer chegar a inquedanza científica a través da expresión artística contaremos coa gañadora do premio Goya, Janet Novás, e o ilustrador Kiko da Silva.
Xurado
Durante a Feira, os distintos stands dos centros educativos mostrarán as súas propostas e será un xurado científico, xunto co voto popular, quen determine o gañador desta edición. O xurado estará presidido pola madriña desta edición, que estará acompañada pola farmacéutica Celia Diz e Julio Sánchez, enxeñeiro industrial en AIMEN.
A representante de Zendal incidiu en que polo forte arraigo da compañía co Porriño “ZENDAL quería e debía estar presente nesta mostra. Se existe un clúster biofarmacéutico e un proxecto industrial en Galicia es en O Porriño e Zendal é parte activa deste cluster”.
Díaz continuou explicando que como grupo biofarmacéutico “sentímonos responsables de deixar un impacto positivo no pobo, e facémolo sobre todo co noso traballo diario, que son as vacinas e os productos farmaceúticos, pero tamén co emprego de alta cualificación, poñendo en valor a ciencia e os científicos, participando en eventos de divulgación como esta feira e coa nosa defensa de promoción da muller e da nena, e dos nenos, na ciencia”.