Dende 1972 cada ano celébrase o 5 de Xuño o día mundial do Medio Ambiente, promovido polo programa ambiental (PNUMA) de Nacións Unidas para fomentar a conciencia mundial e a acción a prol do medio ambiente.
O lema escollido este ano “Nosas terras, noso futuro. Somos a xeneración da restauración” céntrase en aspectos como a resiliencia, a restauración de terras, a loita contra a sequía e a desertización. Todos estes aspectos teñen tamén unha traslación ao ámbito local e son parte dos efectos da emerxencia climática.
Medidas en Vigo
Por suposto, o clima tamén se xoga en Vigo e por iso, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra, Verdegaia e Amnistía Internacional reclamaron nunha carta ao Alcalde de Vigo a posta en marcha de dúas medidas que solicitaran xa en novembro pasado, co gallo do inicio do cumio climático COP28 de Dubai:
i) a posta en marcha un proceso participativo para a elaboración dun Plan plurianual de Acción Municipal sobre a Crise Climática con obxectivos específicos anuais e mecanismos de revisión e cumprimento, aliñado coas recomendacións científicas para limitar o quecemento global por debaixo de 1,5ºC e centrado, entre outras cuestións, nunha transición enerxética rápida, limpa, eficiente e xusta, unha mobilidade sostible e multimodal e a conservación e restauración da natureza, e
ii) a apertura dunha canle de diálogo permanente coas organizacións asinantes desta carta para procurar vías de entendemento e colaboración nesta cuestión clave, co obxectivo de crear unha Asemblea Cidadá polo Clima en Vigo.
Igualmente, as organizacións ecoloxistas remitiron hai xa tempo ao Alcalde un Decálogo de medidas para converter Vigo nunha cidade sustentable e resiliente. As propostas presentadas van aparelladas de medidas de ámbito local e que, na maioría delas, se poden implantar de xeito inmediato, xa que requieren máis vontade política que financiamento.
As organizacións denuncian que pasan os meses, mesmo os anos, e o Concello de Vigo non está a desenvolver ningunha medida concreta. Por iso, este 5 de Xuño fan esta acción, para sinalar que tamén no ámbito local temos unha responsabilidade climática sen tempo que perder.