A Deputación de Pontevedra porá en marcha o vindeiro mércores, 12 de xuño, a nova aplicación móbil “Meu Concello”, que funcionará como unha canle directa de comunicación entre a cidadanía e os 28 concellos da provincia adheridos ao proxecto: A Cañiza, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Bueu, Cambados, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Mos, O Grove, Pazos de Borbén, Pontecesures, Portas, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Vilaboa.
Comunicación instantánea
Trátase dunha iniciativa financiada con recursos dos fondos Next Generation para a modernización e dixitalización das entidades locais de menos de 20.000 habitantes. “É evidente que a dixitalización na Administración veu para quedarse” asegurou o presidente provincial Luis López quen engadiu que “se a semana pasada lles informaba da entrega de 640 equipos informáticos a concellos, hoxe sentímonos igual de satisfeitos presentando esta aplicación que servirá de canle directa de comunicación”.
Neste eido, o presidente provincial explicou que os veciños poden poñer en coñecemento do Concello
aquelas incidencias que detecten na súa localidade e este poderá coñecer, así, as necesidades e problemas do municipio para darlles resposta. Ademais, a aplicación móbil tamén permitirá ao Concello enviar avisos á cidadanía, sumando así unha canle de comunicación áxil, inmediata e eficaz.
Como funciona?
Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da APP Meu Concello, que estará
dispoñible en Google Play (para Android) e a APP Store (para iOS) de maneira gratuíta.
Trala súa instalación o usuario só ten que seleccionar o seu concello e, para comunicar unha incidencia, basta con premer sobre o botón “Nova Incidencia”, o que despregará un menú coas diferentes tipoloxías. O usuario selecciona aquela sobre a que quere comunicar e, de forma automática, a aplicación detecta as coordenadas exactas nas que se atopa o problema.
O seguinte paso é achegar unha foto da incidencia, escribir unha observación sobre a mesma e premer o botón de enviar. Unha vez enviada, o persoal do Concello recibe a notificación e, a partir dese momento, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada.
O cidadán, á súa vez, recibe unha notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado. Tamén pode facer seguimento da situación na que se atopa a mesma a través do botón de “Enviadas”. Ademais de comunicar unha incidencia, o usuario pode acceder a información propia do municipio e a puntos de interese do mesmo.
Ao servizo tamén se pode acceder a través do dominio https://”nomedoconcello”.meuconcello.com. Basta
con introducir unhas claves de acceso para así poder utilizar todas as funcionalidades que ofrece a
ferramenta.
A través da implantación deste canal directo de comunicación entre o Concello e os seus administrados, preténdese coñecer as necesidades reais do municipio para así poder atender dunha forma mais rápida e precisa as peticións dos veciños.