A Deputación de Pontevedra abre este xoves o prazo para inscribirse nos primeiros percorridos do novo programa provincial “+Bosques”, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos “baños de bosques”.
40 percorridos
Este novo programa ofertará preto de 40 percorridos entre xuño e outubro polos ríos Almofrei (Pontevedra) e Xabriña (Covelo); así como polo Carreirón (A Illa de Arousa); Cabo Udra (Bueu); a Illa de
Tambo (Poio), o Lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra).
As persoas interesadas en participar nas primeiras actividades, que terán lugar neste mesmo mes de xuño, poderán inscribirse a partir das 09:00 horas deste xoves 13 de xuño a través dun formulario que se habilitará na web da Deputación.
“+Bosques” permitirácoñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como
realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio
natural da provincia.
Datas
Os percorridos comezarán o 22 de xuño polo río Xabriña (Covelo) e continuarán os días 23 polo río Almofrei, 29 polo Carreirón e domingo 30 pola Illa de Tambo. Ofertaranse un total de 15 prazas por ruta. e as visitas estenderanse entre as 10:00 horas e as 13:00 horas aproximadamente. Durante os percorridos é obrigatorio ter o móbil en modo avión, estar en silencio e manterse dentro do alcance visual do grupo.
Xullo
As rutas de xullo, para as que abrirá a inscrición o 17 de xuño, terán lugar o día 6 polo Xabriña, o 7 polo río Almofrei, os días 13 e 27 por Cabo Udra, o 14 e 21 de xullo polo Carreirón e os días 20 e 28 polo Pazo de Lourizán.
Agosto
Pola súa banda en agosto terán lugar percorridos polo Xabriña (3 e 31), polo río Almofrei (4), polo Carreirón (10), por Cabo Udra (11), pola Illa de Tambo (17 e 24) e polo Lago Castiñeiras (18 e 24 de agosto), para as que abrirá a inscrición o 15 de xullo.
Setembro
Xa en setembro “+Bosques” continuará con “baños de bosque” polo río Almofrei (1), Lago Castiñeiras (7 e 29), Xabriña (8), Pazo de Lourizán (14 e 28), Illa de Tambo (15), Cabo Udra (21) e polo Carreirón (22), para os que abrirá a inscrición o 19 de agosto.
Outubro
E os derradeiros percorridos do programa serán en outubro con rutas polo Cabo Udra (5), polo río Almofrei (6), pola Illa de Tambo (12), polo Lago Castiñeiras (13 e 26), polo Pazo de Lourizán (19 e 27) e polo río Xabriña (20). Neste último caso a inscrición abrirá o 16 de setembro.
Condicións
Poderanse anotar no programa a persoa que cubre o formulario e un máximo de tres acompañantes. Unha vez que se reciban as 15 primeiras inscricións por itinerario pecharase o percorrido e crearase a lista de agarda, para a que tamén é necesario realizar inscrición. Só está permitido realizar cada ruta unha vez e as persoas beneficiarias deberán desprazarse ata o punto de encontro de inicio do percorrido polos seus propios medios.
Xornada de degustación de cociña silvestre
O broche de ouro do programa “+Bosques” será a xornada de degustación de cociña silvestre, que se contempla para o mes de novembro, unha vez rematados os percorridos. Esta actividade, de tres horas de duración, está aberta a todas as persoas participantes nos preto de 40 “baños de bosque” que organiza a Deputación entre xuño e outubro e consistirá nunha recollida de froitos e vexetais silvestres comestibles dos bosques da provincia de Pontevedra, coa súa respectiva identificación e degustación.