Galicia poñerá en marcha a vindeira semana “o proxecto piloto do cribado do cancro de próstata”. Este tipo de cancro causa “causa 500 mortes cada ano na comunidade”, resaltou hoxe o presidente da Xunta.
Mellorar o diagnóstico precoz
Este cribado enmárcase no proxecto europeo PRAISE-U (sensibilización sobre o cancro de próstata e iniciativa para a detección na UE, nas súas siglas en inglés) e co que se pretende mellorar o diagnóstico precoz desta enfermidade e reducir os falsos positivos que se detectan cos controis actuais. Galicia será a primeira rexión en dar comezo ao proxecto, no que tamén participan Cataluña (Manresa), Lituania, Polonia e Irlanda.
Tal e como adiantou Alfonso Rueda, o cribado poñerase en marcha “co obxectivo de chegar a 12.000 homes de entre 50 e 69 anos”.
SMS dende o vindeiro luns
A partir do vindeiro luns, 17 de xuño, a poboación diana comezará a recibir mensaxes SMS ou, no caso de non ter rexistrado o número de teléfono na súa tarxeta sanitaria, cartas para participar no cribado. As invitacións faranse unha vez ao mes durante un ano ata ter convidado a 12.000 homes da área de Ferrol. As comunicacións conterán unha ligazón con información do cribado e ofrecerase un número de teléfono específico, atendido por persoal técnico do Servizo de Detección Precoz de Enfermidades da Consellería de Sanidade, para que os homes convidados poidan resolver posibles dúbidas.
Aqueles que acepten participar serán citados para extracción de mostra de sangue e seguirán o protocolo en función do seu resultado de antíxeno prostático específico. No caso de que ese resultado supere o límite establecido, os pacientes serán remitidos ao servizo de uroloxía para facer as probas correspondentes coas que estratificar o risco de padecer cancro de próstata.
Ampliación dos cribados de cancro
Galicia xa ten ampliado a poboación diana do cribado de cancro de mama, de estender a todo o territorio o cribado de colo de útero e de aumentar a difusión do cribado de cancro colorrectal. Ademais, xa está posto en marcha o programa piloto de cribado de cancro de pulmón na área sanitaria da Coruña e Cee e a próxima semana iniciarase o de próstata en Ferrol.
Con indicadores que midan a taxa de cobertura do programa piloto en Ferrol, da participación, a positividade da proba de antíxeno prostático ou as características dos cancros detectados, no primeiro semestre de 2026 realizarase unha avaliación para valorar a súa extensión ao resto de Galicia.
O proxecto PRAISE-U conta cun financiamento total de máis de 12 millóns de euros, dos cales 1.362.00 euros correspóndense co piloto que se desenvolve en Ferrol. Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa Horizonte 2021-2027.