O Concello do Porriño dá un paso máis na humanización da contorna do centro social que acondicionará as rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Ramón González e Pío XII creando un gran espazo público. A plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou onte a licitación da primeira fase do proxecto cun orzamento base de 1.140.709,52 euros.
Prioridade aos peóns, zonas verdes e de ocio infantil
Este proxecto consiste na creación dun gran espazo público pensado para dar prioridade á mobilidade peonil e máis importancia ás zonas verdes, ao tempo que se limita o paso de vehículos. Para conseguilo está prevista a creación dun espazo contínuo, accesible e verde, no que se mellorará a comunicación peonil entre o centro urbano e a rúa Pío XII, crearanse novas zonas de convivencia baixo a sombra de novas especies arbóreas e buscarase a apertura da contorna do centro social coa rúa e o parque, ademais de executarse a renovación integral da zona de ocio infantil.
Ao mesmo tempo, na calzada de Pío XII renovaranse todas as redes de servizos e dotarase dunha plataforma única que conecte coa nova zona verde da contorna, reducirase o tráfico e a súa velocidade.
Porrigalia
Ademais, Porrigalia 2024 xa está en marcha. A celebración, organizada polo Concello, terá lugar o venres 12 e o sábado 3 de xullo. O Porriño encherase de galos, romanos, castrexos, exipcios e gregos, que desfilarán polas rúas da vila e competirán nos seus populares xogos.
Poderán participar todas aquelas ANPAS, asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos do municipio e a AECC que presenten comparsas integradas por un mínimo de 8 compoñentes e que acudan caracterizados dunha das cinco civilizacións de Porriño.
Premios
Cada comparsa participante recibirá un premio de 300 euros, que se otorgará ata alcanzar o importe máximo establecido de 5.400 euros (por orde rigoroso de inscrición). Aquelas comparsas que desexen participar en Porrigalia fóra deste orzamento, poderán inscribirse pero sen opción ao premio por participación.
Inscrición
O prazo de inscrición para participar nos desfiles de comparsas xa está aberto e rematará o 30 de xuño. As bases e toda a información están xa publicadas na páxina web de Porrigalia do Concello do Porriño.