O Tribunal Supremo non admitiu o recurso da empresa e confirmou a sentenza de 2023 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), “que viña de condenar novamente a Stellantis Vigo, por vulneración de dereitos fundamentais e da liberdade sindical, neste caso a CUT como único sindicato demandante”.
Como informan dende a central sindical, a sentenza declaraba nulo o acordo individual de teletraballo e acredita tres vulneracións a liberdade sindical polas que a empresa ten que indemnizar a CUT con 30.000€.
“Política antisindical”
Con esta sentenza, aseguran os representantes sindicais, “confírmase a clara política antisindical que ten esta empresa de cara a CUT, a única central sindical que lle fai fronte. O ninguneo continuado ao que pretende someternos, ocultándonos continuamente a información indispensable para poder actuar na defensa das persoas traballadoras e limitando a nosa acción sindical, ao que agora e unha vez máis con esta nova sentenza, ponlle freo o Tribunal Supremo“.
Nulidade do acordo de teletraballo
No caso concreto desta sentenza, dende a CUT entenden que ratifica que o acordo de teletraballo, “imposto unilateralmente pola empresa”, é nulo, e “mais a vista das diferentes cláusulas” que nel se recollen: dunha banda, dificulta dereitos de conciliación as persoas que de adhiran ao acordo
individual de teletraballo e, doutra, establece condicións de equipamento tamén a cargo da persoa traballadora como pode ser o internet, cando é a empresa quen debe de facilitalo.
Así mesmo, a compensación económica realizada pola empresa de 120€ brutos/ano, non pode ter
consideración de salario, “xa que sería transformar parte do salario en indemnizacións ou suplidos, reducindo o salario por esta vía”.
Por último, condiciona os limites da desconexión dixital, ao poder establecer comunicacións urxentes fora da xornada laboral das persoas traballadoras.
Silencio cómplice
Dende a central apuntan que si ben a CUT non ten representación no colectivo afectado pola imposición das condicións de teletraballo, “isto non quita que velemos polos seus dereitos e poñamos en valor a importancia da negociación colectiva sobre a individual, protexida na lexislación vixente. Esta imposición
das condicións, contou co silencio cómplice de SIT, UGT e CC.OO, a pesares de que si teñen representación no colectivo afectado”.