O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a través da Axencia Estatal de Investigación (AEI), publicou a resolución da segunda convocatoria de Consolidación Investigadora, na que se destinan 1,85 millóns de euros dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, para consolidar a carreira de 10 investigadores e investigadoras en institucións provinciais de I+D+i.
Neste senso, o subdelegado do Goberno, Abel Losada, salienta que “o investimento total da convocatoria nacional, que supera os 94 millóns de euros, supón un incremento do 23,3% respecto a a convocatoria anterior, ademais dun 7% máis de prazas”, o que evidencia a aposta decidida do Goberno “pola ciencia e polo talento, para que volvan os científicos e científicas que se foron e reter aos que xa traballan no noso país”.
Vigo, “polo de innovación e investigación”
Losada subliña, tamén, o labor das diferentes institucións viguesas seleccionadas, “que evidencian o pulo de Vigo e da nosa provincia, como polo de innovación e investigación, en especial no eido das investigacións mariñas, biolóxicas e biomédicas”. En concreto, foron seleccionados un proxecto do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo (CINBIO), dous proxectos seleccionados polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, un polo Centro de Investigación Mariña, un pola Misión Biolóxica de Galicia, un polo Instituto Español de Oceanografía do CSIC e outros catro por diferentes departamentos da propia Universidade viguesa.
Creación de prazas permanentes
O obxectivo desta convocatoria é incentivar a creación de prazas de carácter permanente en institucións de investigación tanto públicas como privadas, facilitando o inicio ou o afianzamento dunha liña de investigación mediante o financiamento dun proxecto propio de I+D+i, así́ como a adecuación e renovación de espazos e laboratorios e a mellora do equipamento necesario para a súa execución.