Comarcas

Ampliado o prazo para que o alumnado de FP poida realizar prácticas en Europa co ‘Erasmus+ 2023’

Ata o vindeiro 31 de maio de 2025

Ampliado o prazo para que o alumnado de FP poida realizar prácticas en Europa co 'Erasmus+ 2023'

A Deputación de Pontevedra acaba de ampliar o prazo para que estudantes recentemente titulados de ciclos de Formación Profesional, Formación Profesional Básica e cursos que conduzan á obtención de Certificados de Profesionalidade dos niveis I, II e III poidan participar no programa de mobilidades europeas Erasmus+ 2023, que lles axudará na súa integración no mundo laboral a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras.

O programa, que estaba previsto que rematase o 31 de agosto deste ano, estenderase agora ata o 31 de maio de 2025, como explicou en rolda de prensa o presidente provincial, Luis López.

39 centros

Así, Erasmus+ 2023, que ten un orzamento próximo aos 1,2 millóns de euros, leva desenvolvéndose desde xuño do pasado ano e nel participan un total de 39 centros escolares da provincia, que forman parte do consorcio Erasmus+ creado pola Deputación. Ata o momento, xa desfrutaron desta mobilidade 38 estudantes de FP procedentes de centros da Estrada, A Illa de Arousa, As Neves, Cambados, Moaña, Pontevedra, Redondela, Tomiño, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Deles 17 aínda están no estranxeiro, en concreto en países como Italia, Irlanda, Portugal ou República Checa. Ademais, actualmente a institución provincial está tramitando 86 novas mobilidades.

O obxectivo do programa é que os estudantes adquiran unha experiencia laboral, melloren as competencias vinculadas ao seu perfil profesional, desenvolvan actitudes éticas e laborais propias da
actividade profesional; así como melloren as súas expectativas laborais, teñan unha idea máis clara sobre as súas aspiracións e obxectivos profesionais e melloren as competencias nunha lingua estranxeira.

También te puede interesar