A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou a décima edición do programa Benestar en Balnearios. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este luns esta nova convocatoria, de xeito que o prazo para presentar as solicitudes abrirá o vindeiro martes e permanecerá aberto durante un mes.
Así, a conselleira explicou que o Goberno galego continúa a mellorar esta iniciativa que ten coma obxectivo que as persoas maiores manteñan unha vida activa. Por iso, este ano increméntanse as prazas ofertadas ata superar as 1.230 e tamén se aumentan as quendas aos meses de verán, de maneira que aquelas persoas que así o desexen poidan gozar deste programa desde o mes de xullo a decembro.
Convenios coas tres universidades
Neste eido, Fabiola García salientou que o Goberno galego conta con aulas sénior e con convenios coas tres universidades para aquelas persoas que queiran seguirse formando; e tamén se impulsou este ano o Carné +65, que permite ofrecer descontos, vantaxes e viaxes para desfrutar desta nova etapa.
Programa Benestar en Balnearios
Como reiterou, o programa Benestar en Balnearios está destinado a persoas maiores de 60 anos. Oferta estadías de 10 días en réxime de pensións completa en 15 establecementos de toda Galicia. A Xunta destina a esta convocatoria un 9% máis que na pasada edición, isto é, un orzamento de 300.000 euros.