A representación sindical de CIG, CCOO e USO reuniuse con responsables do 061 e co persoal da empresa pública Tragsa que prestará apoio técnico á Consellería de Sanidade na intervención da empresa “Ambulancias do Atlántico”.
Esta xuntanza estaba incluída na demandas do persoal do 061, que tras cambiar de empresa concesionaria de “Ambulancias do Atlántico” a “Saluser-Emersan”, aínda teñen pendente o abono da liquidación por cambio de empresa, así como determinadas débedas en concepto de atrasos, “por nóminas mal calculadas”, dende xaneiro de 2024.
Oficina de atención ao persoal
Así, en cumprimento do esixido polas tres centrais sindicais, porase en marcha unha oficina de atención ao persoal traballador do 061 para resolver problemas de cálculo de nóminas. Esta oficina comezará a funcionar na vindeira semana en horario de 08:00 a 15:00h e se espera que estea situada en dependencias do Hospital Nicolas Peña de Vigo. “Ademais da atención en persoa, poderase contactar mediante un teléfono e un enderezo electrónico que se dará a coñecer a vindeira semana“.
Para a CIG, CCOO e USO, “esta medida é totalmente insuficiente” e supón tan só asumir un dos puntos do acordo alcanzado na reunión anterior.
Por este motivo solicitaron a administración que no prazo máximo de 3 días hábiles se lles dea a seguinte información:
- En que prazo se calculará o importe da liquidación ao persoal traballador que finalizou a súa relación contractual con “Ambulancias do Atlántico” e traballan agora para “Saluser-Emersan”.
- Si “Ambulancias do Atlántico” conta con liquidez suficiente para afrontar o abono da liquidación e en caso contrario como fará a Xunta para garantir o abono dese importe.
- De que maneira se refarán as nóminas dende xaneiro a maio de 2024 para calcular á debede pendente en concepto de atrasos.
- De que maneira a Administración ten pensado garantir o cobro dos atrasos pendentes.
- Entrega da póliza de seguro que “Ambulancias do Atlántico” tiña obriga de contratar para facer fronte ao abono de máis de 75.000€ en concepto de incapacidade que lle corresponden a varios traballadores e de non esixir a mencionada póliza, de que maneira a administración vai garantir ese pago.
“A paciencia do persoal chegou ao seu límite”
A representación sindical de CIG, CCOO e USO anunciou aos responsables do Servizo Galego de Saude (Sergas) que “a paciencia do persoal sanitario do 061 na área de Vigo (Cangas, Moaña e Vigo) chegou ao seu límite”. Por iso, de non cumprirse o esixido, convocarán asembleas de maneira urxente onde proporán un calendario de folga e mobilizacións ata que non se cobre a todo o que se lles debe.