Imaxe: Xavi Iglesias/ O concerto de Rebeliom do Inframundo na terraza do Auditorio Mar de Vigo será a última oportunidade de escoitar en directo e en Vigo o seu último traballo, “Amor ou Barbárie”.
Tras celebrarse varios concertos no hall do recinto vigués este ano e comezar a quinta edición do Festival TerraCeo cun concerto no propio auditorio interior, este venres 21 de xuño, o Mar de Vigo inaugurará os seus directos na fermosa terraza, ofrecendo así unha actuación que marcará tamén o inicio do verán vigués.
Rebelióm do Inframundo
cun sólido percorrido no seu estilo musical que fusiona elementos do hip-hop, electrónica, folk tradicional e punk, acompañados de letras impregnadas cunha profunda crítica social, consolidouse como unha das referencias na música galega. Coñecidos por captar a atención do público coa súa enerxía e as súas vibrantes actuacións, a banda gañouse o corazón dunha ampla base de seguidores, encabezando numerosos festivais tanto en Galicia como fóra dela.
Este concerto será a última oportunidade de escoitar en Vigo o seu último traballo, “Amor ou Barbárie”, un disco que conta con colaboracións de gran nivel, incluíndo a Hard GZ, Wöyza, Iria Medraño ou Treintañeras Cañeras. O álbum, composto por 17 cancións, supón un antes e un despois na traxectoria da banda, con temas nos que os sentimentos son os protagonistas e as letras están cheas de crítica social.
Terraceo 2024
O concerto de Rebelióm do Inframundo enmárcase dentro da quinta edición do festival Terraceo, un ciclo de concertos moi especial que volverá celebrarse coa impresionante posta de sol sobre a ría de Vigo e as Illas Cíes como escenario natural.
Por este ciclo xa pasaron este ano bandas e artistas destacados como Christina Rosenvinge e The Jayhawks esta pasada fin de semana, ademais de Niño de Elche, Ángel Stanich e The Rapants.
Continúa a programación
TerraCeo continuará coa súa axenda en xullo.
O primeiro espectáculo será o 19 de xullo coa participación duns vellos coñecidos. Luis Zahera e Oswaldo Digón chegan para ofrecer unha ocasión única de gozar de dous monstros do humor xuntos nun dos mellores escenarios naturais. Risas aseguradas.
Esa mesma fin de semana, Vigo recibirá a José James, un cantante de jazz soul que soubo levar unha esencia hip-hop e R&B cara aos procelosos carreiros do jazz máis melódico e sedutor. Acaba de lanzar tres singles, “38th & Chicago”, “Saturday Night (Need You Now)” e “Dark Side of the Sun”, adiantos do seu próximo disco “1978”, e traerá unha agradable brisa musical o sábado 20 de xullo.
A guinda a esa fin de semana terá sabor a rock blues clásico da man do líder de M Clan, Carlos Tarque, que o pasado outono publicaba “Vol.2”, o seu segundo disco en solitario. En directo preséntase como Tarque & La Asociación del Riff e o rock aumentará incombustible no atardecer do domingo 21 de xullo.