A V edición da Guarda Diversa trae a este concello dúas propostas para sacar á rúa a realidade das persoas LGBTIQA+, “unha realidade tradicionalmente silenciada”. Por unha banda, unha curta documental e, por outra, unha campaña informativa na vía pública, que se poderá seguir a modo de ruta educativa escaneando un código QR.
Día do Orgullo
O 28 de xuño, día do Orgullo, estrea, no Centro Cultural ás 21:00 horas, dunha curta documental na que participan 10 persoas guardesas do colectivo. Poderanse coñecer as vivencias, reflexións e demandas específicas de cada participante. A través da entrevista poderemos saber como foi no pasado e como é actualmente ser LGBT+ na Guarda.
Diversidade na rúa
Simultaneamente, poderase acceder a un percorrido por toda a vila: “Diversidade na rúa” que vai mostrando información significativa arredor de diferentes temáticas relacionadas co Orgullo e coas realidades das identidades disidentes. Este percorrido está dividido en dúas rutas: a ruta Vila – Marina (46 min) e a ruta Camposancos – Salcidos (2h 6min) e poderase participar delas a través dun código QR que atoparemos en cada instalación.
Mediante este percorrido poderase aprender sobre estereotipos, identidades de xénero e orientacións do desexo; sobre a orixe do Orgullo e a súa pegada en Galiza; sobre a saúde mental nas persoas LGBTIQA+; e sobre como as familias poden acompañar a esas crianzas que se están a sentir fóra da cisheteronorma. Hai información sobre espazos seguros aos que acudir, lexislación, referentes e desafíos que enfronta o colectivo, etc.
Cartaces
Os diferentes cartaces, repartidos por toda A Guarda, irán acompañados de pequenas instalacións que adornarán 15 puntos de interese nas tres parroquias e que chamarán a atención da poboación. É unha oportunidade perfecta para aprender de forma sinxela e divertida.
Esta campaña está liderada polo CIM (Centro de Información á Muller) da Guarda, coa execución da cooperativa Outrora e a colaboración e financiamento da Deputación de Pontevedra e o Concello da Guarda.