Representantes da sección sindical CUT no Concello de Vigo presentaron este xoves no Rexistro Municipal as sinaturas recollidas durante as diferentes concentracións, e nas oficinas de atención ao público do Servizo de Benestar Social.
“As mesmas van dirixidas á concelleira de Persoal [Patricia Rodríguez], á Alcaldía e á concelleira de Política Social [Yolanda Aguiar]”. A súa finalidade é amosar o apoio das 1.944 personas asinantes ás peticións que está a facer o persoal, “ante a falta total de resposta” dende o Goberno municipal.
Estas reclamacións son:
- Aumento da plantilla de persoal de Benestar social para lograr, polo menos, o cumprimento da ratio marcada por lei.
- Cobertura de baixas de longa duración, permisos de maternidade e redución de xornadas por conciliación familiar.
- Criterios técnicos para a avaliación e propostas de mellora dos programas e servizos municipais
- Reducción do número de citas diarias e aumento da duración do tempo de atención das entrevistas.
Así mesmo, as profesionais deste servizo continuarán coas reclamacións e visibilización da situación de cara a cidadanía tendo convocada a vindeira concentración o venres 28 ás 20:00 horas na farola de Príncipe.
Unha situación límite
As profesionais levan meses alertando de que os Servizos Sociais do Concello de Vigo están nunha situación límite. O persoal que hai na actualidade no chega para atender as necesidades que se presentan; hai unha lista interminábel -de 8 a 10 semanas para a primeira cita-; houbo que pechar oficinas; non é posible realizar unha atención axeitada e persoas dependentes sen asistencia e outras que están nunha situación crítica.
Desafiuzamentos, axudas de emerxencia, RISGA e Ingreso Mínimo Vital
Ademais do peche de oficinas ou do feito de non poder atender todos os casos de dependencia, non se poden despachar os informes de arraigamento ou daqueles que solicita a Fiscalía. Tampouco facer fronte a conxunturas de desafiuzamentos ou elaborar documentos para o acceso a un posto de traballo.
A día de hoxe, os trámites para as axudas de emerxencia, auténticas situación de risco social inminente, tardan máis de 2 meses. Por último, o Concello de Vigo está emitindo fora de prazo os informes imprescindibles para tramitar a Risga e o Ingreso Mínimo Vital.