No centro vacacional que a Deputación de Pontevedra ten na Lanzada, comezaron os ‘Campamentos de Verán’. O presidente Luis López visitou aos primeiros 140 cativos que estrearon o verán este domingo e que estarán na Lanzada ata o sábado, día 29.
Participan nesta primeira quenda rapaces e rapazas de 37 concellos da provincia, sendo Vigo, con 25, e Vilagarcía, con 16, os máis numerosos, seguidos doutros como Lalín (9), Pontevedra (8), Poio (7), Gondomar (6) ou A Guarda, Redondela e Silleda (4 de cada un).
Todos teñen entre 7 e 13 anos, e poderán aproveitar o seu tempo libre a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Ademais de facer saídas, como á Illa de Ons, hai programadas actividades en inglés, xogos e deportes, actividades na praia, no medio natural, actividades nocturnas, de teatro, contacontos e, entre outras moitas, baile.
Máis de 1.500 nenas e nenos
En total, e ata o vindeiro 7 de setembro, serán 1.540 os menores que poderán gozar dos ampamentos A Lanzada, en 11 quendas diferentes dunha semana cada unha.