Os sindicatos CIG, CCOO e USO, comunicarán este mércores a convocatoria de folga indefinida no 061 de Vigo, Cangas e Moaña. A mesma está motivada pola comunicación da Consellería de Sanidade de que Ambulancias do Atlántico non pode facer fronte ao pago do finiquito dos 103 traballadores e tampouco ás débedas por nóminas mal calculadas durante este ano 2024.
“Se isto non fose suficiente, a empresa actual “Emersan-Saluser” négase a abonar a denominada “paga de regularización de convenio colectivo”, pese a que a compañía recibirá a cantidade íntegra do Servizo Galego de Saúde (Sergas) este mesmo mes de xuño”, sinalan dende os sindictos.
Esta paga “que se lle debe ao persoal traballador”, explican, corresponde á subida de convenio colectivo do período íntegro de 2023 e os tres primeiros meses de 2024, que aínda non foi actualizado, e supón para o persoal traballador unha importante cantidade que a ascende a 1.725€.
Resposta da Consellería de Sanidade
As centrais entenden que “os responsables do 061 e da Consellería de Sanidade rachan o compromiso acadado e matizan agora que a Xunta non interveu nin intervirá a empresa Ambulancias do Atlántico, que como moito intervirá o servizo, aínda que a día de hoxe non se produciu”, subliñan os representantes dos traballadores.
Así mesmo, os responsábeis da Administración autonómica engaden que “nin a Consellería de Sanidade nin o 061 exercen unha función de vixilancia para o cumprimento da lexislación vixente por parte das empresas concesionarias e que ese labor corresponde ás organizacións sindicais”. Por último, insisten en que non actuaran contra as empresas ata que non se demostre un incumprimento reiterado da lexislación laboral que poida ser demostrado mediante sentencias firmes.
‘Reequilibrio económico’
Polo que atangue ás demandas efectuadas por CIG, CCOO e USO para que se calcule e se abone ao persoal traballador a liquidación, a paga de regularización e os atrasos, dende o Sergas “contestan que estudiaran a posibilidade de realizar un “reequilibrio económico” aumentando a partida orzamentaria a actual empresa concesionaria para que abone as débedas da anterior”.
Ademais, remantan dende os sindicatos, a empresa pública “Tragsa” comezará hoxe o seu traballo, que finalmente non consistirá en intervención algunha da empresa “Ambulancias do Atlántico”, e se limitará a un punto de atención ao persoal traballador que teña dúbidas coas cantidades que se lle deben. Este punto de atención estará situado en dependencias do Hospital Nicolas Peña de Vigo en horario de mañá e sa previsión e que se manteña durante 6 meses.
Folga indefinida no 061
“Ante a gravísima situación”, a representación sindical celebrou unha asemblea urxente na que foi aprobada por unanimidade a convocatoria dunha folga indefinida e un calendario de mobilizacións que afectará ao servizo urxente do 061. Esta medida será comunicada oficialmente á actual empresa concesionaria “Emersan-Saluser nunha xuntanza prevista este mércores.
O feito de que a folga coincida coa campaña de verán na que o servizo do 061 se atopa xa de por si desbordado polo aumento de poboación visitante en Galicia e pola falta de reforzo nas ambulancias, podería provocar un completo colapso do servizo e así llo fixeron saber á Dirección do 061.
A día de hoxe, a situación que se pode dar é que “cando alguén se vaia de vacacións se lle desconte medio mes de salario e aínda se lle deba o finiquito da empresa anterior, os atrasos e a paga de regularización. Se nos debe diñeiro e se nos desconta aínda máis por un dereito fundamental” – denuncian.