Cultura

A 3ª edición do festival ‘Cinema a Pedal’ incluirá concertos e sorteos

A enerxía para o proxector está xerada polo pedaleo do público

A 3ª edición do festival 'Cinema a Pedal' incluirá concertos e sorteos

O festival Cinema a Pedal celebrarase en Nigrán os días 12, 13 e 14 de xullo de 2024. Ademais de promover o cinema de calidade, o festival quere fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte. Mais non só se trata dun festival temático polos seus contidos, senón tamén polos seus medios: a enerxía para o proxector e o son está xerada polo pedaleo nun dispositivo de 10 bicicletas que deben ser utilizadas polo propio público.

Concertos

A programación incluirá un concerto o venres e outro o sábado previos á proxección. Ás 19:30 h. do venres 12 de xullo, M. A. Barreira ao son e Vanessa Glemsel á voz inquirirán a quen escoite sobre a memoria, a supervivencia e a incerteza do que virá, compoñendo así unha pequena peza músico-poética que se crava no espiñazo para non esquecer.

Por outra banda, o sábado 13 de xullo ás 20:00h dará inicio o concerto de El Último Ciclista, o proxecto musical de Gabrulo García, un montevideano adoptado por terras galegas. Co impulso da inmersión na creación durante as noites do ano pasado, saíu á luz Tomando este camino, un primeiro disco de doce cancións de corte indie-pop iberoamericano, dando pedal a esta aventura ciclista. As súas cancións deambulan entre o humor, a melancolía, o existencialismo e a fantasía. As harmonías e as letras simples son a clave da linguaxe utilizada para contar situacións de vida cotiás.

Sorteos e agasallos

Tanto o venres como o sábado, logo do remate das películas, realizarase un sorteo con varios agasallos proporcionados por empresas e establecementos coma os locais Ciclos Palacios e Asante Sana, Aventura Plástica de Gondomar, La Pedalería de Baiona, Paco&Lola de Meis, e Decathlon e C’alma Fruit de Vigo.

También te puede interesar