O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar á Xunta que habilite pasos seguros para os peóns na PO-552 á altura das parroquias viguesas de Saiáns e de San Miguel de Oia. A fronte nacionalista vén de trasladar ao Parlamento galego esta demanda veciñal para garantir a seguridade na estrada de Camposancos, unha vía cun elevado tránsito de vehículos e de sinistros.
“En todo o percorrido da PO-552 dende Vigo até Baiona existen beiravías ou sendas peonís polas que camiñar con seguridade agás na parroquia de Saiáns e nun tramo de San Miguel de Oia”, subliñou a deputada do BNG, Carmela González, quen se reuniu este mércores con veciñanza afectada canda o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas.
González lembrou que esta estrada funciona como vía interurbana, con vivendas e comercios a ambos lados da estrada, e cun constante paso de persoas. “Estamos a falar de dous tramos que en total representan menos de 2 quilómetros e que permitiría reducir o risco de sinistros”, destacou a deputada nacionalista, chamando a poñer fin a esta “discriminación” con estas dúas parroquias viguesas.
O Concello de Vigo non moveu un dedo
Pola súa banda, Xabier P. Igrexas, considerou a situación destes tramos da estrada de Camposancos como “unha evidencia máis do total abandono” por parte da Xunta coas vías de titularidade autonómica na cidade. “En pleno 2024 vemos como a veciñanza de Saiáns e Oia se teñen que xogar literalmente o tipo ante a ausencia de beiravías e sendas peonís”, afeou.
Igrexas asegurou que “non ten ningún tipo de xustificación que o PP insista en desatender esta demanda veciñal”. No mesmo sentido, lamentou que o Goberno municipal tampouco teña “movida un só dedo” para urxir á Xunta que dea resposta a esta necesidade.