O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os detalles da nova campaña do Bono Turístico da Xunta de Galicia coa apertura, este sábado 29 de xuño do prazo para que as axencias de viaxes e establecementos de alozanmento interesados se adhiran a esta iniciativa. O vindeiro xoves 4 de xullo abrirase o prazo para que os usuarios descarguen os bonos.
Quen pode participar?
No caso das empresas poderán participar establecementos turísticos de aloxamento situados en Galicia que cumpran os requistos que se explican nas bases e axencias de viaxes, neste caso que teñan un centro de traballo na Comunidade autónoma e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia.
Deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación da convocatoria. O prazo de adhesión de establecementos comeza mañá sábado 29 de xuño e estará aberto ata o 2 de decembro. Poderán facelo a través da páxina web www.bonoturismo.gal .
Os usuarios poderán descargar os bonos dende o xoves 4 de xullo
No caso dos usuarios, a descarga dos bonos activarase o vindeiro 4 de xullo desde as 09:00 horas a través da mesma páxina web. Os beneficiarios poderán empregar os seus bonos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024, ambos incluídos.
Poranse en circulación máis de 16.000 bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o soliciten (os particulares abonarán, polo tanto, 90€ para contar cun bono por valor de 150€). Como novidade, cada usuario poderá descargar este ano ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos que se adhiran.