A Valedora do Pobo emitiu, o pasado 4 de xuño, unha resolución en contra do Goberno municipal Vigo por non permitir o acceso a información e expedientes que foran solicitados polo grupo municipal do BNG.
Expediente de reequilibrio de Vitrasa
Esta resolución, que se inicia a raíz da denegación de acceso ao expediente do reequilibrio da concesión de Vitrasa, “deixa de maneira rotundamente clara que o Goberno de Caballero actuou en contra da legalidade e vulnerou dereitos fundamentais dos concelleiros e concelleira do BNG”, sinalou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Non se pode impedir o acceso á información
En primeiro lugar, a Valedora deixa claro que non se pode denegar o acceso a información invocando xenericamente que a administración local non ten obriga legal de emitir formalmente un informe. Neste sentido, a resolución recolle expresamente que o Goberno municipal non motivou a súa negativa ao non “xustificar a complexidade, a dispersión de información, a inexistencia de sistemas de tratamento da información ou a incompatibilidade destes“.
O feito de estar en tramitación non limita a información
En segundo lugar, de maneira rotunda a Valedora do Pobo bota por terra o falso argumento de que o feito de estar en tramitación o expediente, neste caso o do equilibrio de Vitrasa por causa de ter pendentes varios informes, sexa causa legal para denegar o seu acceso subliñando expresamente que a normativa “non estabelece como motivo de denegación de acceso a culminación” dos trámites que estean pendentes.
“Non se pode confundir maioría absoluta con poder absoluto“
Para Igrexas “este novo tirón de orellas evidencia o talante autoritario do Goberno de Abel Caballero, que insiste en confundir a súa lexítima maioría absoluta no Pleno cun poder absoluto que se pode impoñer sobre os dereitos fundamentais que amparan aos grupos políticos da oposición que tamén somos representantes da cidadanía.”
Desde a fronte nacionalista volven esixirlle ao Goberno municipal que “cese na súa conduta abertamente antidemocrática e opaca”, na que tamén se inclúe a súa reiterada falla de resposta ás preguntas e interpelacións que se lle formulan nas Comisións Informativas e nos propios Plenos, así como en decisións abertamente ilegais como negarse a constituír a Comisión de Vixilancia de Contratación a pesar do seu carácter legalmente obrigatorio.
“O BNG non imos cansarnos de reiterar que democracia é moito máis que votar cada catro anos e que as viguesas e vigueses non escolleron un monarca absoluto senón un alcalde que debe someterse á fiscalización e control democrático da oposición”, remacha Igrexas.