O Parque Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrece un verán máis unha completa programación de actividades astronómicas co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os seus visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais, como é o ceo.
Por oitavo ano consecutivo, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) será a encargada de dirixir e coordinar as distintas accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde 2016 acreditan a este espazo natural como destino turístico Starlight, unha programación que arrancou a pasada fin de semana.
Para logralo, Fegar contará coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.
Todas as estrelas
Os destinos Starlight —un selo avalado pola Unesco, apoiado pola Unión Astronómica Internacional, a Organización Mundial de Turismo e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitables que gozan de condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan moi axeitados para albergar actividades turísticas baseadas neste recurso natural.
Neste sentido, a programación astronómica prevista durante o verán nas Illas Atlánticas —que comezou en Cíes a pasada fin de semana e se prolongará ata o 2 de setembro— inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se porá a disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.
Novo telescopio
De feito e como novidade deste ano, os visitantes da illa de Ons terán á súa disposición un novo telescopio de última xeración, cun investimento de 15.000 euros por parte de Fegar e que suporá unha mellora na calidade das actividades.
Programación
En concreto, a programación durante a quenda de mañá levaranse a cabo entre as 13:30 e as 14:00 horas e centraranse na observación solar co fin de achegar aos asistentes ao seu funcionamento e á importancia que ten na meteoroloxía planetaria.
A observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, de 23:30 a 01:30 horas, con charlas a cargo de expertos nas que se afondará nos veciños estelares máis próximos, nos calendarios astronómicos ou na información que nos aportan.
Adicionalmente, tamén se realizarán unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas a nenos así como de observación de meteoritos, incluíndo a chuvia de estrelas fugaces das Perseidas de agosto, cuxo pico máximo se agarda entre os días 11 e 13 e para as que están programadas actividades simultáneas en Cíes e en Ons.
Nos catro arquipélagos
A programación, en todo caso, chegará aos catro arquipélagos. A oferta concentrarase en Cíes, onde se realizarán quendas a primeira fin de semana de xullo, do 1 ao 31 de agosto e o 1 e o 2 de setembro; e en Ons, con actividades programadas do 13 ao 31 de xullo, de forma continuada, e do 9 ao 12 de agosto.
As accións en Cortegada e en Sálvora serán puntuais, cunha charla o mércores 14 e o xoves 15 de agosto, respectivamente.
Inscricións
Para poder participar nalgunha destas actividades gratuítas, os interesados deberán inscribirse nas casetas de información das illas e os grupos organizaranse in situ, dependendo sempre das condicións meteorolóxicas polo que o calendario previsto pode ser susceptible de sufrir alteracións. Ademais, este verán está previsto que durante uns días do mes de agosto o Parque Nacional das Illas Atlánticas acolla a visita de varios membros da Fundación Starlight.