Iso é, chega o Cinema a Pedal este venres, día 12, sábado 13 e domingo 14 de xullo. É unha cita que, ademais de promover o cinema de calidade, fomenta o uso da bicicleta como medio de transporte.
Mais non só se trata dun festival temático polos seus contidos, senón tamén polos seus medios: a enerxía para o proxector e o son está xerada polo pedaleo nun dispositivo de 10 bicicletas que deben ser utilizadas polo propio público.
Programación
A programación completa do festival inclúe unha variada selección de películas e actividades paralelas como obradoiros, charlas e concertos, “deseñados para involucrar a todos os asistentes e propiciar unha experiencia cultural enriquecedora“.
VENRES 12 DE XULLO, NO ESTEIRO DA FOZ
- 17.00h.- XOGANDO MIUDIÑO, espazo de xogos tradicionais para toda a familia.
- 19.30h.- SESIÓN MÚSICO-POÉTICA, con Vanessa Glemsel e M.A Barreira.
- 22:00h.- AS SOLISTAS, de Mehrnaz Abdollahina, Feben Elias Woldehawariat, Razahk Issaka, Celeste Jamneck, Yi Liu
- 22:10h.- AS BICICLETAS SON PARA O VERÁN, de Jaime Chávarri
SÁBADO 13 DE XULLO, NA BIBLIOTECA PÚBLICA DE NIGRÁN
- 12.00h.- AS BICICLETAS SI SON PARA GALICIA, presentación do libro de Catro Ventos Editora + petisco e viño de Paco & Lola. Participan Daniel Díaz Grandío, colaborador e experto en mobilidade, e Isidro Dozo, persoa socia de Catro Ventos Editora.
SÁBADO 13 DE XULLO NO ESTEIRO DA FOZ
- 17.00h.- IOGA, clase de Ioga con Laudharana
- 18.00h.- PAPER CINÉTICO. DO PAPEL AO CINEMA, fabricando un zoótropo xigante con Belén Veleiro
- 19.15h.- AVENTURA PLÁSTICA, presentación do proxecto e fabricación de utensilios con materiais reciclados
- 20.00h.- EL ÚLTIMO CICLISTA, concerto musical
- 22.00h.- THE CYCLING WIND, de Nazanin Sobhan-Sarbandi
- 22.10 h.-BARBARA, de Christian Petzold
DOMINGO 14 DE XULLO NO AUDITORIO DO CONCELLO
- 18.00h.- BOLBORETA, de Maryam Khalilzadeh
Concertos
Ollo, a programación incluirá un concerto o venres e outro o sábado previos á proxección. Lembramos: ás 19:30 h. do venres día 12, M. A. Barreira ao son e Vanessa Glemsel á voz inquirirán a quen escoite sobre a memoria, a supervivencia e a incerteza do que virá, compoñendo así unha pequena peza músico-poética que se crava no espiñazo para non esquecer.
Por outra banda, o sábado 13, ás 20:00h dará inicio o concerto de El Último Ciclista, o proxecto musical de Gabrulo García, un montevideano adoptado por terras galegas. Co impulso da inmersión na creación durante as noites do ano pasado, saíu á luz Tomando este camino, un primeiro disco de doce cancións de corte indie-pop iberoamericano, dando pedal a esta aventura ciclista. As súas cancións deambulan entre o humor, a melancolía, o existencialismo e a fantasía. As harmonías e as letras simples son a clave da linguaxe utilizada para contar situacións de vida cotiás.
Sorteos e agasallos
Tanto o venres como o sábado, logo do remate das películas, realizarase un sorteo con varios agasallos proporcionados por empresas e establecementos coma os locais Ciclos Palacios e Asante Sana, Aventura Plástica de Gondomar, La Pedalería de Baiona, Paco&Lola de Meis, e Decathlon e C’alma Fruit de Vigo.