A Deputación de Pontevedra financia a través do programa “+Música” dúas actuacións musicais este sábado en Salceda de Caselas e Oia. Deste xeito, ás 22:30 horas a música de Erea Castro soará en Salceda de Caselas, no marco das Festas do Cristo, e ás 22:00 Milladoiro actuará no Eirado de Viladesuso de Oia.
Erea Castro
Comezou a cantar con tan só 3 anos de idade e ao longo da súa vida participou en diferentes certames da canción. En Salceda presentará o espectáculo Arraial, de hora e media de duración, no que desmontará prexuízos sobre a identidade de galegos e portugueses, demostrando como a mestura de sons e ritmos son elementos que nos unen como pobo.
Milladoiro
Pola súa banda Milladoiro, cunha traxectoria de máis de 40 anos na escena musical galega, presentará en Oia a súa nova xira. No espectáculo, cunha duración de hora e media, o grupo fará un percorrido polos seus temas máis emblemáticos destas catro décadas de historia, así como presentará os do seu novo disco, que leva por título “Atlántico”.
+Música
Ámbolos dous concertos enmárcase en +Música -que conta cun orzamento de 500.000€-, a iniciativa coa que a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e lingua galega, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.
Trátanse de catro das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro.