Destacados Vigo al minuto

A Deputación recupera para Vigo partidas a piques de caducar por obras non executadas polo Concello

Con tres convenios por un total de 6,3 millóns dos que o organismo provincial achega máis do 70%

A Deputación recupera para Vigo partidas a piques de caducar por obras non executadas polo Concello

A Deputación de Pontevedra asinará tres novos convenios co Concello de Vigo por un importe de 6,2 millóns de euros, cunha achega de preto do 70% de fondos provinciais. É a solución proposta pola institución pontevedresa para rescatar as partidas que estaban próximas a caducar correspondentes aos proxectos que o Concello non foi capaz de executar, a pesar da modificación do convenio que o anterior goberno provincial realizou en xuño de 2023 estando xa en funcións.

Unha medida que “salva investimentos para a cidade que doutro xeito se perderían”, tal e como especifica a vicepresidenta Luisa Sánchez.

Acordo das dúas Administracións

Así o acordaron Concello e Deputación, coincidindo coa celebración da última comisión de seguimento do convenio bilateral a pasada semana, representada no caso da institución provincial pola vicepresidenta Luisa Sánchez e a deputada María Ramallo, e reunida co obxectivo de analizar o estado dos acordos cuxos prazos se esgotan o vindeiro 31 de decembro. Proxectos que, cómpre salientar, nalgún caso nin sequera se chegaron a iniciar pese a remontarse ao 2021.

Segundo aclara Luisa Sánchez, “a baixa execución orzamentaria do Concello vigués en parte das obras cofinanciadas polo Goberno provincial obrigou a buscar unha solución excepcional para evitar a perda destas partidas”. A vicepresienta puxo en valor o esforzo administrativo dos técnicos da Deputación por resolver este escollo, e defendeu o seu compromiso de cumprir con Vigo e que os investimentos non se viran minorados.

Actuacións

En canto aos novos convenios, que serán financiados cos fondos da Deputación e poderían quedar asinados xa este verán, a vicepresidenta provincial citou:

  • no marco do Vigo Vertical as ramplas mecánicas na rúa do Pintor Colmeiro entre as rúas de Álvaro Cunqueiro e Tarragona (2,82millóns)
  • mellora da accesibilidade na rúa Juan Ramón Jimenez, entre Marques de Valterra e Torrecedeira (1,14millóns).
  • a humanización da rúa San Roque entre as rúas de Gregorio Espino e Reiseñor (2,27millóns)

Primeiras obras

En canto a primeira das intervencións, actuarase sobre un treito de 138 metros entre as rúas Álvaro Cunqueiro e Tarragona, instalando ramplas mecánicas, ampliando as beirarrúas e substituíndo as luminarias actuais. Esta previsto que esta obra comece no primeiro trimestre do vindeiro ano cun prazo de execución 11 meses.

A mellora da accesibilidade na rúa Juan Ramón Jiménez, contempla a instalación dun ascensor exterior para esquivar o desnivel entre Marqués de Valterra e Torrecedeira. Asemade, aproveitarase para ampliar beirarrúas; renovar as canalizacións, a pavimentación, o alumado e o mobiliario urbano; e instalar unha rede de pluviais e novas columnas semafóricas. Neste caso, o inicio das obras está tamén previsto entre xaneiro e marzo do 2025, cun prazo de execución de 8 meses.

Xa por último, a humanización da rúa San Roque na contorna da Doblada abarcará un tramo de 247 metros, entre as rúas de Gregorio Espino e Reiseñor. Unha actuación que ten un prazo de execución de 10 meses e que está previsto iniciar no primeiro trimestre do 2025. En canto a intervención, contémplase unha importante distribución dos espazos coa creación dunha praza entre San Roque e Couto de San Honorato, ademais de renovar a pavimentación do viario e as beirarrúas, a rede de abastecemento, saneamento e alumeado público e instalar rego automático nas novas zonas axardinadas. A intervención preservará o sentido único de circulación actual e reservaranse prazas de estacionamento nas rúas Talude e Avenida Alcalde Gregorio Espino.

30 millóns na cidade

Luiusa Sánchez subliña que a sinatura destes convenios “materializa o compromiso da Deputación de Pontevedra coa cidade”. Así, lembrou, no seu primeiro ano de goberno o organismo provincial comprometeu “máis de 30 millóns de euros de investimento en Vigo”.

Entre estas achegas atópanse actuacións transformadoras para a cidade, subliña a vicepresidenta, están a a culminación da reforma do estadio de Balaídos coa mellora da grada de Gol (13 millóns) en convenio co Concello e a adquisición do Cine Fraga para a súa recuperación e posta a disposición dos cidadáns, en colaboración coa Xunta de Galicia.

También te puede interesar