O Porriño continúa coa extensión do saneamento. Así, o Consorcio de Augas do Louro vén de adxudicar as obras de extensión da rede no Outeiro, na parroquia de Pontellas, que dará servizo a unhas 20 vivendas.
En total, executarase preto de 1 quilómetro de rede o que permitirá que máis de 60 veciños e veciñas dispoñan de conexión a este servizo.
A obra, que contaba cun orzamento base de 167.000€, adxudicouse en 158.000€, polo que os traballos darán comezo en breve e estarán rematados aproximadamente en dous meses.
O alcalde visitou a zona onde se levarán a cabo os traballos. Alejandro Lorenzo lembrou o “compromiso firme” do Goberno local coa acometida do saneamento e subliñou que é unha “actuación prioritaria”, polo que, dende que se atopa ao frente da Alcaldía “proxectáronse todos os traballos pendentes e planificouse a folla de ruta para a ejecución integral” no termo municipal do Porriño, en base ao Plan Director do Consorcio de Augas do Louro, entidade que preside.
Desvío do tráfico en Domingo Bueno
Tamén por mor de obras de humanización, dende este luns día 15, hai carril sen servizo na rúa Domingo Bueno á altura do parque infantil, por mor das obras de humanización da zona.
Estímase que esta restricción ao tráfico dure unhas dúas semanas. O paso de vehículos está regulado con semáforos e os servizos de autobuses continúan co seu percorrido habitual.