Dende este martes pasado volve a funcionar o Mercado Municipal de Tui, co nome de ‘Mercado de San Antonio’. En total, abriron 7 postos de peixe, unha carnicería e unha florería. Pendente está, nos próximos días, a posta en servizo doutra carnicería.
Nunha segunda fase está prevista a incorporación dun posto de produtos gourmet, outro especializado en café e chocolate, unha panadería e o espazo gastronómico. Dos 20 postos fixos e catro temporais 13 están adxudicados nestes momentos, e os restantes sairán en breve de novo a licitación, cuxas características e requisitos están dispoñibles no Concello de Tui para aquelas persoas que estean interesadas.
Modernización das instalacións municipais
A obra do Mercado de San Antonio forma parte dun proxecto integral de modernización e dixitalización das instalacións municipais, considerado “prioritario” polo Goberno local.
Así, a reforma integral do edificio, cun investimento de máis de 1.300.000 euros, ten como obxectivo principal a dinamización da economía local a través da creación dun centro de comercio na localidade, que sexa ao mesmo tempo un polo de atracción para novos emprendedores e un lugar de encontro para a veciñanza no que acceder a produtos locais de primeira calidade e frescos.