Os alcaldes de Pazos de Borbén, Luciano Otero, e de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, xunto coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sumáronse este mércores á mobilización convocada polos veciños da Plataforma pola mellora de EP-2702. que cortaron o tráfico no cruce da estrada provincial coa rúa A Igrexa-Amoedo.
Así, os tres rexedores asinaron un manifesto no que demandan á Deputación de Pontevedra que a reforma da estrada provincial EP-2702 “reciba toda a atención e recursos precisos para que a súa mellora se leve adiante cona maior urxencia posible”.
Moito tráfico pesado nun vial que non ten beiravías nin beirarrúas
Esta estrada provincial, que comunica a N-550 desde Os Valos con Amoedo, soporta un elevado volume de tráfico pesado, con multitude de camións que se desprazan aos polígonos e áreas industriais. A isto hai que engadir a circulación de turismos da veciñanza e os traballadores destas áreas industriais, “o que a converte nunha estrada moi perigosa sen beiravías nin beirarrúas, e impiden aos peóns desprazarse pola zona con seguridade”.
Tanto a Plataforma veciñal como os alcaldes demandan que a Deputación Provincial de Pontevedra, responsable desta vía “se comprometa a arranxar a estrada na súa totalidade”. Segundo apuntas os veciños, o proxecto actual limítase a unha actuación de mellora na EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, un treito de menos de 1.500 metros. Entenden que esta actuación é “insuficiente”, e reclaman o arranxo da totalidade da vía, cunha lonxitude en torno aos 9 quilómetros.
Mellora da seguridade viaria en San Xoán de Arcal
Doutra banda, dende o Concello de Redondela reiteran tamén á Deputación a necesidade de eliminar os estacionamentos na rúa San Xoán de Arcal, EP-2907, no tramo desde a curva da Canteira ata a estrada de Pazos, PO-250. Tal como explica o informe da Policía Local, as dimensións da rúa “non permiten o paso dun vehículo en cada sentido de circulación, o que ocasiona numerosos problemas de tráfico e situacións de perigo tanto para os conductores como para os peóns”.