A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou este xoves que a Consellería de Vivenda e Promoción de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), autorizou a contratación da obra de urbanización do polígono 2 (Fases A e B) do plan parcial de Navia cun investimento de 16.368.975,04 euros. Así o fixo durante unha visita a Navia, onde xa están en marchas as obras do polígono 1, con remate previsto para a primavera do ano 2025.
Máis de 106.000 m2 para 719 novas vivendaas protexidas
Ortiz explicou que o Consello da Xunta do pasado 1 de xullo autorizou a licitación da obra de urbanización do polígono 2 da ampliación de San Paio de Navia, que ten unha superficie total de 106.361 metros cadrados e prevese que poida acoller un total de 719 vivendas, todas protexidas.
Desta forma, na Fase A, con 44.538 metros cadrados, haberá 337 vivendas, e na Fase B, con 61.823 metros cadrados, serán 382 vivendas.
En canto á dotación de aparcamentos, para o conxunto do polígono 2 proxéctanse 311 prazas de aparcamento público e 10 para persoas de mobilidade reducida, correspondendo 180 (6 PMR) para a Fase A e 131 (4 PMR) para a Fase B. Ademais, Ortiz explicou que en relación á mobilidade ciclista, habilitarase un carril ciclista en colindancia coa calzada para facilitar a transición.
Ampliación do PAU de Navia
Como informara vigoalminuto, a Xunta xa aprobou tamén o pasado 9 de xullo dar luz verde á contratación das obras de construción de 58 novas vivendas de promoción pública no polígono 1 de San Paio de Navia, ás que se destina un investimento autonómico de máis de 13 millóns de euros.
Así, cos dous grupos, totalizan 58 vivendas, resultan na primeira fase da ampliación un total de 259 vivendas de promoción pública que se construirán neste polígono. A estas vivendas se engadirán outras 100 que están programadas.
Do mesmo xeito, como publicamos en diferentes ocasións, a finais de 2023 comezaron as obras de urbanización do polígono 1 de San Paio, que se desenvolverán de forma paralela aos traballos construtivos dos edificios residenciais.