O Pleno Ordinario do Concello aprobou este luns, unha moción do Grupo socialista rexeitando a subida da taxa de Sogama por parte da Xunta de Galicia.
A moción foi defendida polo segundo tenente de alcalde, Javier Pardo, que sinalou que “nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024, estímase que a empresa terá un beneficio de 300.000€, polo que non é certo que sexa deficitaria”.
Por iso, subliñou Pardo, “esiximos ao Goberno galego que mude a súa política de xestión de residuos cara unha xestión descentralizada de plantas de proximidade”, dixo.
8,5 millóns máis
Abel Caballero amosou a súa disconformidade coa medida, cualificou a subida do canon de “espolio” para a cidade, ao ter que “facer fronte a 8,5 millóns de euros” adicionais, e recalcou que “o Partido Popular apoia que Vigo pague moitísimo máis para cubrir as ineficiencias de Sogama -os seus 5 concelleiros votaron a favor e o Bloque -que se abstivo- tampouco votou en contra”.
Moción AP9
Tamén se aprobou a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego, que solicitaba o rescate da AP-9 e a súa transferencia a Galicia. O portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas expuxo que “non existen razóns para transferir a AP-9, como non as hai para finalizar a concesión e que pase a ser unha autoestrada galega e libre”. A moción foi respaldada por 8 concelleiros (BNG e PP), coa abstención doutros 17 do Grupo Socialista.