A Porta do Sol de Vigo foi o lugar escollido para marcar o comezo da formación sobre o terreo dos 116 policías en prácticas que chegan a Galicia. Son 90 homes e 26 mulleres que se van a incorporar ás distintas comisarías da Policía Nacional.
Concretamente, son 24 policías en prácticas os que prestarán servizo na Coruña; 9 en Ferrol; 14 en Santiago de Compostela; 4 en Ribeira, 12 en Lugo; 11 en Ourense; 12 en Pontevedra; 4 en Vilagarcía de Arousa; 4 en Marín e 23 en Vigo.
11 meses
Durante a fase de prácticas, de once meses de duración, os policías obterán o nivel de profesionalización requirido para o desenvolvemento das funcións propias da categoría de policía. Para iso, prestarán
servizo nas brigadas de seguridade cidadá, policía xudicial, estranxeiría e fronteiras, policía científica e información, así como na oficina de denuncias. Unha vez superado este período de prácticas, os axentes xa se incorporarán aos seus primeiros destinos laborais.

17 inspectores alumnos
Xunto aos policías de prácticas, en Vigo tamén se presentaron 17 inspectores alumnos. Elas e eles comezan agora 7 meses de formación práctica en comisarías de Galicia, como parte do Curso de Ascenso á Escala Executiva.