Comarcas

AER denuncia que para a alcaldesa de Redondela non é unha prioridade cumprir os acordos de Goberno

E non hai avances en ningún eido

AER denuncia que para a alcaldesa de Redondela non é unha prioridade cumprir os acordos de Goberno

A Agrupación de Electores de Redondela (AER), vén de facer balance do primeiro ano do goberno de coalición co PSOE no concello redondelán. Así, nunha nota remitida aos medios de comunicación os responsables de AER son moi críticos coa actividade destes últimos 12 meses e subliñan que a súa sensación é que “o cumprimento do acordo non é unha prioridade para Digna Rivas”.

35 puntos

Lembran que AER apoiou a investidura socialista a cambio dun documento que recolle 35 puntos correspondentes a diferentes ámbitos da política local, que maioritariamente dependen das áreas de goberno socialista e que, “un ano despois, teñen un feble grao de cumprimento”.

“Peonalizacións a ritmo de tartaruga”

Nesta liña apunta a que, “posiblemente a medida máis ambiciosa do programa de AER”, e que se incorporou ao acordo de goberno (lasinado ante notario), sexa o programa de peonalizacións. “Ata o de agora so se peonalizou a rúa Padre Sarmiento e aínda están á espera, por esta orde, a praza da Constitución-Telmo Bernárdez-Rúa Figueiral, o paseo de A Xunqueira e a rúa Ernestina Otero baixo o viaduto de Madrid”.

AER lamenta a “lentitude coa que se están a acometer estas medidas”, engadindo que no acordo sinálase que tiñan que ser de xeito inmediato e, sobre todo, lamentando a falta de recursos económicos para, ademais de peonalizar, ser quen de humanizar estas rúas e poñelas en valor: cambio de firme, instalación de cámaras de vixilancia, etc.

Novas sendas naturais: “case que ningún avance”

Así mesmo, o acordo contempla a ampliación da senda do río Maceiras en Redondela, da Senda Verde
de Chapela e a do paseo do litoral de Cesantes dende a Punta ata o peirao. A máis avanzada, apuntan dende AER, parece ser o da Senda Verde que se ampliaría con cargo a fondos do programa Máis Provincia da Deputación.

No Maceiras nin sequera están identificados os propietarios cos que habería que negociar. Finalmente, “o proxecto de Cesantes semella máis un anuncio electoralista de Rivas, tendo en conta a complexidade da obra e o pouco que se ten avanzado”.

Non hai cartos

Nesta liña, AER indica que, “máis alá das polémicas sobre a aprobación extemporánea das contas de 2022 e 2023, os feitos son incontestables: neses dous exercicios, Redondela non foi quen de aforrar dos seus orzamentos nin un so euro para investir en novas infraestruturas. Ademáis admite que “por non ter entregadas a tempos as contas, tamén se teñen perdido diferentes subvencións, o resultado é que “o Concello carece de recursos para acometer determinadas obras”.

Esta falta de cartos, subliñan dende AER, impediu ter posto en valor a peonalización de Padre Sarmiento. Tampouco foron instaladas cámara de vixilancia nas rúas peonís que xa existen no casco antigo nin tampouco nas novas.

No acordo de goberno, o PSOE tamén se comprometeu á construción dunha ponte de madeira que comunicaría o novo aparcamento en Vilavella co paseo do Maceiras. Tamén está á espera de financiación.

Outros proxectos comprometidos pero “para os que non hai cartos” son, por un lado, a reforma da Praza Ribadavia (a Farola) para mellorar a mobilidade peonil e, por outro, a renovación de iluminación pública con tecnoloxía LED, tanto no rural como nos cascos urbanos. “A renovación de farolas neste mandato está totalmente paralizada por falta de cartos”.

“PP e BNG asfixian ao goberno”

Continuando co seu resumo deste ano de xestión, dende a Agrupación de Electores reiteran que o Goberno de Redondela está en minoría e moitas veces non é quen de sacar adiante proxectos que requiren de acordo no Pleno.

“O BNG apoiou a investidura de Rivas pero os feitos demostran que non é un aliado fiable. Xunto co PP ten votado en contra de asuntos que o goberno levou ao Pleno e que, polo tanto, non se poden executar”.

Un dous máis delicados -e difíciles de entender, na opinión de AER- foi que o BNG votara en contra da
recuperación das taxas das terrazas dos bares e cafeterías. “En Redondela, a ocupación do espazo público sáelle gratis á hostalaría por gracia da postura de BNG e PP”.

Outro exemplo do que AER cualifica como pinza que forman PP e BNG é o rexeitamento que fixeron a utilizar a parcela municipal anexa ao cemiterio para a construción dun Punto Limpo, infraestrutura da que Redondela carece.

“Dous anos e medio para sacar un concurso! Máis cartos tirados”

Ademais, dende AER aseguran que o negocio de hostalaría situado no paseo da Xunqueira estase a explotar cunha concesión caducada en novembro de 2021. “Máis alá do irregular desta situación, so hai que pensar na perda de ingresos que está a supoñer para o Concello porque, a actual concesionaria está a pagar tan so uns 300€ ao ano”.

“A explicación que dan dende o PSOE é que o departamento que tería que facer un novo concurso non da abasto”. O mesmo sucede, enumeran dende a Agrupación de Electores, con outras medidas que non se executan polo “suposto colapso” de áreas como Intervención, Secretaría ou Urbanismo:

  • Aloxamentos turísticos. O acordo inclúe un punto polo que o Concello de Redondela regulará os aloxamentos turísticos. AER cré que Redondela puido ser pioneira para atallar un problema que está a dificultar o acceso a vivenda en moitos concellos como o redondelán. “Neste tema, como en tantos, a lentitude do Concello é exasperante”.
  • Antifeísmo. Trataríase de poñer en marcha unha ordenanza que penalizase aqueles inmobles en estado de abandono ou que non cumpran uns mínimos estándares estéticos. Deste xeito, incentivaríase a recuperación de casas (especialmente no caso antigo, pero non so) e a súa posta no mercado.

Ulos gobernos amigos?

Por último, comentan dende AER, que no acordo recolleuse un punto polo que o PSOE se comprometía a desenvolver un convenio co Concello de Vigo. “No que as partes estábamos de acordo era, sobre todo, en asinar un convenio cos bombeiros de Vigo, sen desbotar outras colaboracións como o transporte metropolitano, etc”.

“Abel Caballero foi a fichaxe estrela no acendido das luces de nadal e Redondela. Pero Abel Caballero e Digna Rivas, en máis dun ano, non foron quen de sequera sentarse para tratar asuntos que poden favorecer a veciñanza, tanto de Vigo como de Redondela”.

Finalmente, “outro asunto importante para Redondela que depende dunha “administración amiga” é o
inmoble adquirido pola Zona Franca de Vigo que preside o socialista vigués David Regades. Levan polo menos tres anuncios electorais en prensa para construír un centro de negocios na coñecida como “Casa de Don Pancho”, pero neste punto seguimos sen avances visibles“.

También te puede interesar