Nazis e fascistas campan ás súas anchas en Vigo: a proba é o Castro. Así, o Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar a aparición de pintadas fascistas e de exaltación do nazismo no ‘Lugar da Memoria’.
Á vista das mesmas, dende o BNG pediuse ao Goberno local que proceda á retirada inmediata desas inscricións de exaltación dos réximes asasinos nazi e franquista, que atentan contra a memoria democrática nun espazo que lembra o fusilamento de 136 persoas a mans da dictadura.
“Esta acción é un síntoma máis do avance do discurso do odio que empurra a dereita reaccionaria e ultraespañolista, e que debe ser confrontado con toda a firmeza por parte das institucións democráticas”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Recuperación da memoria
“A recuperación da memoria democrática e dignificación da loita antifascista son tarefas fundamentais para evitarmos a ameaza destrutora e deshumanizadora da amnesia”, reivindicou Igrexas. O portavoz do Bloque puxo en valor os avances en materia de memoria histórica na cidade como a retirada do escudo franquista da Casa das Artes ou a instalación da Fiestra á Liberdade no Calvario, entre outras.
Retirar a Cruz do Castro
Nesa liña, Igrexas chamou a redobrar esforzos para a completa eliminación de toda a simboloxía franquista e fascista que continúa presente en diferentes puntos de Vigo. “A principiar pola retirada da Cruz dos Caídos, inaugurada polo propio ditador na daquela denominada Praza da División Azul que colaborou co nazismo, e que incomprensíbelmente segue presidindo de maneira indigna o monte do Castro”, esixiu.