O Consello da Xunta deulle luz verde á contratación para construír outras 57 novas vivendas de promoción pública en San Paio de Navia. As mesmas contarán cun investimento de 12,8 millóns de euros e estarán destinadas ao alugueiro público.
Dous edificios con 38 e 19 pisos
En concreto, licítanse os servizos de redacción de proxecto e dirección de obra e de contratación das obras de construción, con técnicas industrializadas e o uso de madeira, de dous edificios de 38 e 19 vivendas de promoción nas parcelas M-IVA-6 e M- IVA-3 do polígono 1.
Máis polo miúdo:
- Na parcela M-IVA-3 prevese a construción dun edificio para 19 vivendas, garaxes e rochos. Esta parcela ten unha superficie duns 844m2. O plan parcial permite a construción dun inmoble cun máximo de 3 alturas máis ático
- Pola súa banda, na parcela M-IVA-6 prevese a construción dun edificio para 38 vivendas, garaxes e rochos. Esta parcela ten unha superficie de 1.229 m2 e forma de “L”. O plan parcial permite a construción dun inmoble cun máximo de 3 alturas máis ático.
Estes dous inmobles constitúen a segunda promoción que se executará en San Paio de Navia que incluirá a aplicación de técnicas construtivas industrializadas, despois dos outros dous edificios que albergarán 58 vivendas nas parcelas M-IVB-20 e M-IV22, cuxas obras saíron a licitación o pasado día 19 de xullo.
Estas técnicas permiten axuntar arquitectura con prefabricación, nunha relación que facilita optimizar (en prazo, en prezo, en sustentabilidade, en seguridade e/o en calidade e mellor uso e mantemento durante a vida útil do inmoble) a referida promoción.