A reapertura da piscina ao aire libre de San Eleuterio “trouxo consigo novas protestas veciñais ante os problemas de convivencia derivados do mal uso das instalacións“. Así, os membros do grupo municipal BNG de Mos mantiveron un encontro con residentes da urbanización no que “se puido constatar o malestar existente ante a inacción do Goberno local, xa que as queixas veñen rexistrándose, como mínimo, dende o ano pasado”.
Ruído e masificación
Gustavo Barcia, portavoz do Bloque, advirte de que “tanto a alcaldesa como a concelleira de Deportes teñen pleno coñecemento desta situación” e pide “solucións máis alá das promesas incumpridas”. Algunhas das actitudes denunciadas pola veciñanza, sinalan dende o BNG, teñen que ver co ruído e coa masificación dos espazos comúns, xa que “non existe ningún tipo de control do acceso, pero os problemas esténdense tamén ao exterior do recinto”.
E dificultades de mobilidade con coches mal aparcados
Nos días de máis calor, a piscina de San Eleuterio recibe a visita de decenas de persoas, procedentes tanto de Mos como doutros concellos da contorna. Esta elevada afluencia de visitantes trae consigo problemas de mobilidade na contorna das instalacións, derivados principalmente da presenza de vehículos mal estacionados. Barcia sinala que “algúns condutores aparcan, con total impunidade, en zonas restrinxidas ou mesmo diante dos portais”. Por este motivo, o portavoz do BNG reclama unha maior presenza da Policía Local.
“Mala planificación”
En opinión de Barcia, “moitos destes problemas solucinaríanse co establecemento dalgún mecanismo de control do aforo”. Dende o Goberno local comprometéranse, o ano pasado, a adoptar algunha medida neste sentido, “pero estas promesas non se traduciron en ningunha actuación concreta”. Barcia lamenta, por outra parte, a “mala planificación” dende o Concello á hora de construír unha piscina municipal “sen espazo suficiente, sen aparcadoiro e sen zonas de sombra”. Na súa opinión, “só buscaron a foto, sen pensar no día despois nin no mantemento das instalacións”.