O Canjazz 2024 arrinca este domingo 18 ás 22:00h. co concerto da banda italo danesa Raw Fish, que combina punk, indie rock e música improvisada cunha enerxía única e futurista creada “nunha nave espacial” coa que viaxan por terras descoñecidas e sons nunca antes escoitados.
Raw Fish
Raw Fish está formado polo guitarrista danés Teis Semey e o baterista italiano Giovanni Iacovella, coa colaboración da cantante e compositora Marta Arpini. Armados cun beatmaker MPC, guitarras, sintetizadores, batería e un portátil déixanse levar golpeando botóns, parches e pedais.
Segundo eles mesmos contan, Teis Semey e Giovanni Iacovella compartían piso en Ámsterdam, e non tardaron en darse conta de que tamén tiñan que facer música xuntos. O seu primeiro concerto foi “caótico, crú e delicioso”. Así naceu Raw Fish. Despois de cada actuación, o público reacciona con comentarios do tipo “Que loucura”, “Foi incrible” ou “Que raio foi iso!”.
Tras un dos seus concertos, a banda conseguiu o apoio da plataforma holandesa de mecenado artísitico WeArePublic para lanzar o seu álbum debut, Crudo (Loumi Records). O disco gravouse o pasado 26 de abril e nas últimas semanas foi presentado en festivais da talla do JazzAhead para recalar agora no Canjazz.
Crudo é un álbum curto, pero intenso. O grupo maximiza o tempo de cada tema, destacando a colaboración con artistas como a cantante e compositora italiana Marta Arpini, os saxofonistas David Binney e Nicoló Ricci e o clarinetista baixo Federico Calcagno. O debut de Raw Fish supón a chegada oficial desta sensación underground de Ámsterdam, cun álbum que pide ser escoitado unha e outra vez.
Los Guachos
Ás 23:30h., na Taberna Cambika continua o Canjazz e poderemos gozar de Los Guachos, un cuarteto con gran influencia do folclore sudamericano e o hard bop. A banda está integrada e coliderada polo trompetista arxentino Gabriel Saitto, e os vigueses Guille Guerrero (guitarra), Juan Alonso (contrabaixo) e Juan Guerrero, (batería e irmán de Guille). Poderemos escoitar un repertorio de composicións orixinais e arranxos realizados por todos os seus integrantes. Ao remate do concerto haberá jam session.