Xa é posible adquirir, a golpe de clic, as entradas e os abonos para asistir ás proxeccións de curtametraxes e ás actividades dirixidas ao público que ten programado este ano o Festival Internacional de Cinema de Bueu, que celebra a súa 17ª edición do 6 ao 21 do vindeiro mes de setembro.
A organización do FICBUEU deu un paso adiante no 2023 co obxectivo de dixitalizar o proceso de venda de billetes e reducir de xeito significativo o consumo de papel. Foi un éxito: a iniciativa calou maioritariamente entre as espectadoras e os espectadores.
Ti elixes: entradas individuais ou abono
De novo, o público poderá acceder á tenda en liña do certame na súa páxina web, mercar un abono ou elixir unha ou varias sesións soltas, seleccionar o seu asento e pagar coa súa tarxeta de crédito. Non se cobran gastos de xestión.
Tras facer a compra en liña, enviarase un correo electrónico co recibo correspondente e o código QR asignado, que haberá que amosar a través do teléfono móbil para poder acceder á sala de proxeccións, ubicada no Auditorio do Centro Social do Mar, ou a calquera dos outros espazos nos que se desenvolverá o programa do FICBUEU 2024. Todo sen necesidade de gastar nin unha folla de papel.
Con todo, as persoas que prefiran comprar as súas entradas directamente no despacho de billetes (físico) poderán facelo entre o 2 e o 5 de setembro no Centro Social do Mar, de 11.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas. Ademais, e xa durante o festival, tamén será posible adquirilos alí mesmo dende unha hora antes do comezo de cada proxección ou actividade.
Entradas a 3 euros e abonos a 15
Así mesmo, lembra que as sesións de proxección das curtas da «Sección Oficial» realizaranse entre o luns 9 e o sábado 14, en dobre horario: ás19.00 e ás 21.30h. A entrada individual para cada sesión custa 3€. Os abonos, a 15€, permiten asistir aos seis bloques de proxeccións de cada franxa horaria (tarde ou noite) polo prezo de cinco.
Rodrigo Cortés, Juan Gómez-Jurado e Arturo González-Campos
Outra das actividades programadas terá un custe de 7€. Trátase do encontro que manterán co público o domingo 8 (12.00 horas) o realizador ourensán Rodrigo Cortés, o escritor súper vendas Juan Gómez-Jurado e o guionista e comunicador Arturo González-Campos, integrantes de dous dos podcast culturais máis interesantes que se emiten en España, «Todopoderosos» e «Aquí hay dragones».
Falarán da pegada do cambio que supuxo a chegada do son ao cinema. Esa mesma tarde, os tres asinarán libros nun evento ao cal se poderá acceder gratuitamente tras retirar o correspondente convite no despacho de billetes. Os pases estarán dispoñibles durante a mañá do domingo e ata o inicio do acto.
E este mércores, ás 22:00h. hai cinema na praia
Se queres un petisco para matar a fame de pelis, este mércores hai proxeción pola noite. Na praia de Banda do Río, cunha selección de curtametraxes e películas relacionadas co verán.
As visualizacións para nenos comezarán ás 22.00 horas e ás 23.00 horas para os adultos. É gratuíto. O ano pasado, por primeira vez, o FICBUEU organizou unha proxección nocturna no mesmo recinto. Ante a boa acollida do público na convocatoria do ano pasado, a experiencia repítese.