O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asinou este martes a solicitude de declaración de catro enclaves da nosa cidade como “Lugares de memoria democrática” co obxectivo de “preservar a memoria das vítimas da Guerra Civil e posterior represión pola ditadura franquista”, tamén como testemuño de recoñecemento e co obxectivo de erradicar calquera forma de violencia política ou totalitarismo.
Nesta solicitude que se envía á Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria Democrática do Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática se propón esta declaración para estes catro enclaves directamente relacionados coas vítimas da guerra e posterior represións:
- O antigo cárcere do partido xudicial na Praza da Inmaculada onde estiveron detidos a inmensa maioría destes represaliados
- Tamén o parque da Alameda pois no inmediato cuartel de San Domingos tiveron lugar numerosas execucións dos condenados á pena capital
- Así mesmo, o Destacamento da Armada como recoñecemento a lealdade da dotación do “Cabo Fradera” ao goberno lexítimo
- O cuartel dos Carabineros, actualmente da Guardia Civil, pois tamén este corpo policial mantivo unha exemplar fidelidade fronte ao golpe militar.
Itinerario de memoria democrática
Con estes catro lugares preténdese a creación, tamén, dun itinerario de memoria democrática no concello de Tui, que sufriu unha elevada represión logo de ser o último reduto de resistencia ao golpe militar do 18 de xullo pois, xunto co Baixo Miño non caeron baixo o control dos sublevados ata o 26 de xullo de 1936 logo de vencer este o intento de resistencia de militares e milicianos tudenses na Volta da Moura (lugar que non pode ser incluído nesta solicitude do Concello tudense ao atoparse no municipio veciño de Salceda de Caselas).
88 aniversario dos fusilamentos
A sinatura polo alcalde coincide co 88 aniversario das execucións realizadas no concello tudense nas que foron fusilados diversos dirixentes sociais e políticos de Tui e a súa contorna: Enrique Jaso, o seu xenro José Alonso, Francisco Guinde e José Barreiro, xunto ao porriñés José Francés Carpintero, e o monfortino Manuel López Losada.
Para Enrique Cabaleiro esta solicitude que comeza agora a súa tramitación ten a vontade de conservar presente na memoria colectiva a memoria dos homes e mulleres vítimas da represión e violencia desatada tras o rebelión militar, a guerra civil e a ditadura elemento básico para “afondar na potenciación dos valores democráticos que rexen a nosa vida colectiva”.