Cultura

Un cento de ideas de cidadáns e asociacións para o futuro uso do Cine Fraga

Podes facer a túa no enderezo [email protected]

Este martes, primeira reunión aberta á cidadanía para escoitar as propostas para o cine Fraga

A caixa de correos virtual activada pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia para recoller propostas, ideas e suxestións que permitan enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga de Vigo ten recibido xa un cento de propostas na súa primeira semana en funcionamento. Trátase dunha iniciativa que continuará ata finais de mes ao abeiro da campaña O mellor espazo busca o mellor contido.

Incorporar as demandas da cidadanía

O obxectivo é incorporar as demandas da cidadanía e do amplo tecido cultural para “construír con elas un espazo referente non só para a cidade, senón para Galicia e o norte de España” a través da caixa de correos virtual [email protected] que entrou en funcionamento o pasado venres.

Desde a Deputación de Pontevedra valórase o éxito da iniciativa xa que, transcorrida unha semana da súa apertura, xa se recibiron estas ideas, con contidos que teñen tanto carácter transversal e xenérico, como achegas que debullan e presentan máis polo miúdo proxectos culturais. De igual xeito, salientan dende o organismo provincial, neste envío de suxestións as entidades e persoas participantes poñen en valor que se vaia recuperar este espazo emblemático e icónico para a cidade. Precisamente, a maior parte de propostas de uso recibidas, ata o momento, proveñen da cidade e da área metropolitana.

“Escoitar aos vigueses e viguesas”

Con esta campaña, a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Cultura buscan escoitar a todos os vigueses e viguesas para “levar a cabo unha reflexión colectiva sobre o futuro e as oportunidades que se abren coa reapertura deste recurso cultural de gran potencial, como son o fortalecemento da industria, o impulso á creación ou o pulo á oferta cultural.”

Ademais, rematan os responsábeis provinciais, a campaña O mellor espazo busca o mellor contido, inclúe a celebración de diversas xuntanzas presenciais con colectivos e representantes do sector cultural e a veciñanza.

También te puede interesar