O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou o reparto de 1,6 millóns de euros entre 173 comunidades de usuarios de augas de 43 concellos da provincia para que poidan sufragar gastos destinados a mellorar a calidade da auga e o estado das instalacións de captación, potabilización, abastecemento e almacenamento de augas de consumo.
Ampliado 6 meses o prazo de execución e xustificación
Ademais, o goberno provincial aprobou ampliar o prazo de execución e xustificación das obras en 6 meses desde a concesión, é dicir, ata o 6 de marzo. “Tiñamos unha débeda coas comunidades de augas, que desenvolven un papel imprescindible nos espazos máis afectados pola desigualdade territorial
–asegurou o presidente provincial– e, desta maneira, reafirmamos o noso firme compromiso con elas”, sinalou o presidente.
“A Deputación acertou na súa aposta de apoiar o tecido veciñal e comunitario a través deste plan, o +Aqua, para as comunidades de usuarios de augas, e do Provincia Comunitaria, para as asociacións veciñais”, asegurou Luis López ao referirse a estas iniciativas.
O presidente do organismo provincial engadiu que “sentímonos abrumados polasexpectativas e a acollida destes plans, proba de que existía unha necesidade real e crecente de apoioa estes colectivos que realizan un labor tan importante”.
264 solicitudes
Así, a Deputación recibiu un total de 264 solicitudes, das que 208 cumprían os requisitos previstos nas bases para recibir as axudas, sendo excluídas 56 por diferentes razóns, como non presentar a memoria correspondente ou non acadar a solicitude o orzamento mínimo. Das 208 que cumpren os requisitos, 172 reciben 10.000 €, o importe máximo, mentres que a última, ata chegar ás 173, recibe só 3.000 € ao esgotarse o crédito dispoñible. O resto das aprobadas (35) pasan a formar parte dunha lista de agarda.
Un total de 43 concellos
Cos recursos do +Aqua, as comunidades de auga poderán realizar melloras no control e calidade da auga, actuacións de eficiencia ou de rehabilitación, construción de redes, impermeabilización de depósitos ou instalación de pozos e canalizacións, entre outras actuacións. En concreto, benefícianse das axudas do +Aqua comunidades de usuarios de augas destes 43 concellos: A Cañiza,A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Caldas de Reis, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Fornelos de Montes, Forcarei, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía.