Cultura

A Escola Oficial de Idiomas de Vigo mantén a matrícula aberta ata o día 20 deste mes

Conta cunha oferta de 9 linguas e a posibilidade de acudir a cursos semipresenciais

A Escola Oficial de Idiomas de Vigo mantén a matrícula aberta ata o día 20 deste mes

A Escola Oficial de Idiomas de Vigo, xunto coa súa extensión en Coia e as seccións en Cangas, Nigrán, Ponteareas, Redondela e Tui, anuncia que segue aberta a matrícula para o curso 2024-2025 ata o venres, 20 de setembro ás 14:00. As clases comezan este mércores, día 11.

9 idiomas

Así, conta cunha ampla oferta de 9 linguas —alemán, chinés, español para estranxeiros, francés, galego, inglés, italiano, portugués e xaponés— a EOI de Vigo proporciona diversas opcións formativas tanto para quen desexa obter unha certificación oficial como para quen prefira aprender sen a presión dos exames.

Ademais dos cursos presenciais, que permiten o acceso a exames de certificación, a escola ofrece tamén cursos monográficos, ideais para quen quere perfeccionar os seus coñecementos dunha lingua sen exames. Debido á súa popularidade entre o alumnado, incrementáronse as clases destes con monográficos de alemán, chinés, francés, inglés, italiano e xaponés.

Cursos semipresenciais, aula virtual

Doutra banda, para aquelas persoas que non poden asistir presencialmente dúas veces a semana, aumenta a oferta de cursos semipresenciais. Nestes cursos, o alumnado asiste a unha clase presencial de dúas horas cada semana e completa tarefas semanais na aula virtual, “así proporcionamos unha maior flexibilidade para conciliar o estudo coa vida persoal ou profesional”, indican dende a Escola. Como novidade este ano, incorpórase italiano semipresencial.

Con esta variedade de opcións, a Escola Oficial de Idiomas de Vigo segue a ser un referente no ensino de idiomas e ofrece a oportunidade de aprender novas linguas nun ambiente adaptado ás necesidades de cada estudante.


Tamén en vigoalminuto


Teatro, obradoiros ou clubs de lectura

Así mesmo, a escola segue expandindo a súa actividade máis aló da docencia cun coro, grupo de teatro, obradoiros, clubs de lectura e actividades diversas: como a organización dunha Xornada de Formación para Profesorado de Linguas Estranxeiras en colaboración coa Universidade de Vigo que terá lugar o 4 de outubro.

Para máis información e matrícula

Se precisas máis información,podes visitar a web www.eoidevigo.org para matricularte en liña, achégarte ao centro- na rúa Martínez Garrido, 17-ou contactar co seu teléfono o 986 260 261. Tamén conta cun enderezo electrónico: [email protected].

También te puede interesar