Comarcas

O Porriño amplía a área de logopedia e as consultas de psicoloxía e fisioterapia

Dentro do Servizo Municipal de Atención Temperá

O Porriño amplía a área de logopedia e as consultas de psicoloxía e fisioterapia

O Concello do Porriño vén de dar un paso máis na atención aos máis pequenos e asegurar que reciben o apoio necesario no seu desenvolvemento reforzando o seu Servizo de Atención Temperá (SAT) con máis persoal e mellores instalacións. 

Este recurso, moi demandado pola veciñanza durante anos, comezou a súa actividade no Porriño no ano 2022  e desde entón serve de guía a centos de familias para tratar, da man de profesionais, trastornos do desenvolvemento en nenos e nenas de 0 a 6 anos.  No SAT do Porriño reciben unha atención conxunta e interdisciplinar abordando o desenvolvemento dos pequenos desde a psicoloxía, a fisioterapia e/ou a logopedia.


Tamén en vigoalminuto


Logopedia

É neste último eido onde se detectou máis demanda, polo que se acordou ampliar o mesmo, como se estipula nos pregos para a contratación do servizo que están xa en licitación, cun orzamento de 294.000€.

O reforzo deste recurso non pasa só pola ampliación do persoal senón que tamén se impulsa a súa reubicación nun local máis axeitado. A tal fin, xa se licitou a reforma e acondicionamento dun novo local na rúa Doantes de Sangue cun orzamento de preto de 72.500€, ao abeiro do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.  Este novo espazo, que terá unha superficie útil de preto de 200 m2, contará con tres despachos para consultas, tres aseos e unha sala de xogos, o que permitirá ofrecer unha atención de maior calidade e comodidade aos/as nenos/as e ás súas familias.

“Este recurso é de vital importancia e por iso queremos que se preste nas mellores condicións”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Identificar e abordar de maneira temperá as necesidades do desenvolvemento dos pequenos e pequenas pode marcar unha gran diferencia no seu futuro e tamén no das súas familias. Ofrece unha orientación e un apoio necesario para axudar aos pais e nais a entender e tratar mellor as necesidades dos seus fillos”.

Máis de 2.900 rapaces e rapazas volven ás clases

Ademáis, este mércores volveron ás aulas 2.936 estudantes no Porriño, dos distintos niveles educativos desde Infantil ata Bacharelato, incluíndo ciclos medios e superiores de Formación Profesional e o alumnado de ACEESCA.

Neste curso académico hai 445 estudantes de Educación Infantil, un 15,2% do alumnado total, e o centro con máis alumnos de 3 a 5 anos é o CEIPP Antonio Palacios, con 109 cativos e cativas.

  • Educación Primaria suma 1.127 estudantes, un 38,4% do total, sendo o CEIPP Fernández López o que acolle o maior número deles: 268.
  • A Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) conta con 840 estudantes, un 28,6% do total, dos cales 381 cursarán no IES Pino Manso.
  • A Formación Profesional comeza setembro con 214 estudantes: 89 de FP Básica, 58 de Ciclos Medios e 67 de Ciclos Superiores.
  • Pola súa banda, ACEESCA conta con 28 alumnos e alumnas

O alumnado de Bacharelato do IES Pino Manso duplica ao do IES Ribeira do Louro, e en total suman 282 estudantes, un 9,6% dos alumnos e alumnas que comezan este curso nos centros educativos do Porriño.

Semellante ao curso pasado

En xeral, os números totais de estudantes son moi similares ao curso anterior. O centro educativo con máis alumnos este ano é o IES Pino Manso, cunhas 30 matriculacións máis que o ano pasado, superando a barreira dos 600 alumnos e alumnas. O CPR Hermanos Quiroga e o CEIPP da Ribeira tamén incrementan alumnado este curso, pero os datos non son definitivos.

También te puede interesar