Imagen: Paula Cermeno/Títulos emblemáticos do cinema fantástico e propostas interxeracionais conforman o núcleo da programación do oitavo Galician Freaky Film Festival, que se desenvolve en Vigo desde hoxe a ata o vindeiro día 28.
A inauguración do certame tivo lugar nos cines Tamberlick, unha das sedes do Galicia Freaky Film Festival xunto coa Sala Apo’strophe. Este ano, o festival combina clásicos do xénero con actividades que atraen tamén unha audiencia non habitual do cine fantástico. Sirva coma exemplo o protagonismo do público familiar na xornada que se lle dedica este sábado na sección Pequefreak, con obradoiros de efectos especiais e a proxección do clásico A historia interminable.
Clásicos de aniversario
A sesión inaugural do Galician Freaky Film Festival rendeulle homenaxe a dous clásicos que celebran o seu 40 aniversario: Terminator e Pesadelo en Elm Street, películas xestadas nunha época na que o cinema galego comezaba a dar os seus primeiros pasos que os levaron ao recoñecemento internacional acadado nos últimos anos.
Homenaxe a ‘Toxic Percebe’
De feito, Galicia conta tamén con referentes propios neste xénero como é o caso da curtametraxe Toxic Percebe, dirixida por Xabier Jácome e Martín Fiallega, á que o festival lle rende homenaxe coincidindo cos 20 anos da súa estrea.
Curtas de 29 países
En canto á sección oficial, 60 curtametraxes chegadas de 29 países e dispostas para o público en diferentes bloques temáticos competirán polos oito galardóns a concurso.
Destaca nesta programación competitiva a posibilidade de asistir a 15 filmes inéditos en España e a 25 estreas en Galicia. Xunto coas proxeccións, o certame organiza diferentes actividades paralelas como obradoiros de guión, deseño e efectos especiais, presentacións de libros, un encontro de festivais de temática similar ou a Feira Fantástica, que abre as súas portas os días 27 e 28 de setembro na praza Elíptica.
Ademais, a mostra convidada en 2024 é o Neuchâtel International Fantastic Film Festival, o único deste xénero en Suíza, que traerá a Vigo unha selección de obras.