O Bloque Nacionalista Galego de Vigo chama a reforzar as medidas de control no río Lagares ante os “continuos vertidos ilegais no seu curso fluvial”. Diante da aparición de augas xabonosas este domingo na contorna da Avenida de Madrid, a fronte nacionalista insiste na urxencia de que o Goberno local despregue medidas para axilizar a detección e a redución do impacto das recorrentes verteduras.
Control da calidade da auga en tempo real
“É necesario que o Concello mobilice máis medios materiais e humanos para evitar que o Lagares continúe a ser utilizado como unha grande cloaca”, reclamou o portavoz municipal do BNG de Vigo. A este respecto, reiterou a proposta a posta en marcha dun sistema de telecontrol para comprobar en tempo real os cambios na calidade da auga e facilitar a identificación da orixe das verteduras, similar ao existente dende o ano 2006 pero inoperativo na actualidade por “falla de mantemento”.
Xabier P. Igrexas pediu ademais intensificar as inspeccións por parte da concellaría de Medio Ambiente naqueles puntos onde se producen de forma recorrentes vertidos de potencialmente contaminantes. “Lugares de sobra coñecidos por parte do Concello, ligados en moitos casos a industrias instaladas nas proximidades do propio río”, afirmou.
Nesa mesma liña, o portavoz municipal do BNG demandou poñer fin ao vertido de millóns de litros de augas sen depurar que se repiten cada ano a consecuencia dos chamados ‘alivios técnicos’ desde a estación depuradora do Lagares e outros puntos da cidade.
Tamén en vigoalminuto
- Más 70 de colectivos solicitan espacio en el futuro Centro de Asociacionismo de la rúa LalínEstará en el antiguo edificio de los juzgados, que se reformará completamente
- Morre un condutor de 86 anos de idade, nun accidente entre dous vehículosÉ a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
- Correos facilita que los vecinos de Vigo y su comarca puedan comprar y mandar cestas de NavidadAsí puedes hacerlo
9 de cada 10 plásticos na Ría, con orixe no Lagares
Dende o BNG denunciaron que o Lagares é hoxe o río galego que verte máis materiais plásticos ao mar, segundo un recente estudo da organización The Ocean Cleanup. Un informe que revelou un dato “estarrecedor”: 9 de cada 10 toneladas de plástico que cada ano acaban contaminando a ría de Vigo teñen orixe no Lagares, cun fluxo un 260% maior do que arrastra un río de moito maior caudal como é o Miño.
Deixar de ser un “sumidoiro”
Por estes motivos, Igrexas considerou “imprescindíbel” que o Goberno municipal exerza as súas competencias e dedique máis medios para a protección e conservación do río vigués, combatendo con “absoluta contundencia” os vertidos ilegais. “O río Lagares ten que deixar de ser un grande sumidoiro e converterse no verdadeiro pulmón azul e verde da nosa cidade”, reivindicou.
Nese camiño, o Bloque reiterou a proposta de iniciar os trámites para declarar Espazo Natural de Interese Local (ENIL) os 17,5 quilómetros do seu curso fluvial, desde o nacemento na lagoa Mol en Cabral até a desembocadura en Samil. “É o momento de despregar unha maior protección do río Lagares, desde unha aposta decidida e firme coa sustentabilidade e na certeza de que o futuro de Vigo só pode ser verde”, remachou.