Galicia

O Consello de Europa pide que se permita ensinar matemáticas, física, química e tecnoloxía en galego

Tamén facer trámites xudiciais ou tramitar documentos

O Consello de Europa pide que se permita ensinar matemáticas, física, química e tecnoloxía en galego

O Consello de Europa pediu ao Goberno español que cumpra cos compromisos adquiridos na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias. Así, os seus expertos piden que se eliminen as limitacións que impiden empregar o galego como lingua de ensino en materias científicas, como matemáticas, física, química ou tecnoloxía.

Solicitan que o ensino en galego “estea dispoñible en todos os niveis”, xa que, agora mesmo non se cumpre o compromiso de garantir a unha educación en galego nas etapas de preescolar. Do mesmo xeito, “non se garante que os tribunais poidan levar a cabo procedementos penais, civís ou administrativos en galego”, e, no que respecta  á Administración estatal, “non se garante a tramitación de documentos e expedientes ou reclamacións” no noso idioma.

Neste eido, os responsábeis do Consello piden que os textos lexislativos estatais máis importantes se publiquen nas linguas cooficiais. Así, apuntan que o Boletín Oficial do Estado deixou de publicarse en galego en 2021, ademais, solicitan que se “facilite información sobre a dispoñibilidade dos dereitos dos consumidores en galego”.

O mesmo informe do Consello de Europa subliña que en Galicia o 88 % da poboación entende o galego e o 62 % é quen de escribir no noso idioma.

También te puede interesar