Comarcas

As ovellas, novas aliadas en Tomiño para eliminar a flora exótica invasora

Participarán no proceso de erradicación de dúas especies de bambú e cana

As ovellas, novas aliadas en Tomiño para eliminar a flora exótica invasora

Un rabaño de ovellas será a clave para combater a flora exótica invasora en Tomiño. O Concello xa ten en marcha un proxecto innovador a través do que se empregará o gando como parte dunha solución sostible para eliminar especies que ameazan a biodiversidade na área protexida da Rede Natura 2000 situada en Forcadela.   

Eliminación de bambú

O proxecto busca continuar co traballo iniciado polo Concello de Tomiño nos últimos anos para a protección dos espazos da Rede Natura 2000. Deste xeito, as ovellas participarán no proceso de eliminación dos exemplares de Phyllostachy spp, unha especie de bambú presente nunha superficie de 1.330 m2, e de Arundo donax, cana presente nunha superficie de 1.280 m2.

Deste xeito, tras a retirada da parte aérea da planta de forma mecanizada con tractor de cadeas e manual dependendo das condicións do terreo, introduciranse ás ovellas nas parcelas para que se alimenten dos restos da trituración da parte aérea e do rebrote dos rizomas para debilitar o máximo posible as plantas, impedindo que volvan crecer. Unha vez debilitado os rizomas pasarase un arado para levantalos e extraelos de forma manual ou cun cultivador e volverá a darse paso ao gando para que se alimenten dos posibles rebrotes que aínda poidan quedar nas parcelas.

Como explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, “as ovellas converteranse nas nosas mellores aliadas para manter en equilibrio este espazo tan valioso, contribuíndo á eliminación das especies invasoras sen ter que recorrer a métodos químicos ou agresivos para o medio ambiente”.


Outras novas en vigoalminuto


‘Orella de gato’

O traballo incluirá tamén a eliminación manual de Tradescantia fluminensis, coñecida como herba da fortuna ou orella de gato, unha especie con gran capacidade de invasión en zonas como as ribeiras dos ríos e presente nunha parcela de 357 m2. Neste caso, a eliminación levarase a cabo de xeito manual, retirando tanto a parte aérea como os estolóns en toda a superficie e repasando nunha segunda fase os rebrotes.

Este novo proxecto consolida o traballo realizado nos últimos anos en Tomiño e que continuará en 2024 e 2025, logo de que o Concello acadara unha subvención de case 30.000€ cofinanciada a cargo do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia con a achegas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), así como da Xunta de Galicia e de fondos estatais.

También te puede interesar