Galicia

Volve ‘IRIBARNE’ cunha intensa xira de outono

Dende este próximo venres, día 4, cunha visión diferente de Manuel Fraga

Volve 'IRIBARNE' cunha intensa xira de outono

 Imaxes: Geraldine Leloutre/ IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero, regresa aos escenarios despois dunha merecida pausa estival e tras clausurar dous destacados encontros das artes escénicas: a 40ª Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, na que recibiu o Premio do Público e o 25 Festival de Teatro de Olite de Navarra, así como a súa recente participación na recoñecida Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca, na que os programadores a destacaron como a mellor montaxe desta edición.

Xira de outono

Nesta xira de outono, que comeza o vindeiro venres, día 4 en Rianxo, estarán en numerosas localidades galegas como Tui, Carballo, Oleiros, Vimianzo e Gondomar, e doutras comunidades autónomas: Logroño, Castelló, Murcia, Rivas Vaciamadrid e Girona.


Tamén en vigoalminuto


IRIBARNE

É o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica.

A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”.

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

Máis que teatro

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais.

De feito, é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, tamén está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas.

Posta en escena

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco.

Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

También te puede interesar